Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVA PRODUCIÓN DO CDG

As Dunas, 'sex on the beach'

A obra, escrita por Manuel Lourenzo e dirixida por Quico Cadaval, que a define como "un cabaré sobre o paraíso perdido", estréase o venres 6 en Compostela.

M.S.P. - 18:30 03/03/2009

Unha obra exótica para falar do noso, unha comedia para explicar cousas que marchan mal, unha exhibición do pecado para acadar o paraíso perdido. Así é As Dunas, a nova produción do Centro Dramático Galego, que uniu por vez primeira os dos autores máis importantes do teatro galego actual: Manuel Lourenzo, creador do texto, e Quico Cadaval, responsábel da posta en escena. Cadaval define o texto como "un cabaré sobre o paraíso perdido. A paisaxe sinxela da infancia destruída, ironicamente, polo paraíso en cápsulas que é o turismo. A destrución do rostro dun país como unha catástrofe de cirurxía plástica, a ruína sentimental escenificada coralmente por un grupo de homes e de mulleres que procuran o amor enriba dunha onda de cemento".

A obra, protagonizada por Susana Dans, Paula Buján, Evaristo Calvo, Rodrigo Roel, Iria Pinheiro, Manolo Cortés ou Davide Salvado, é unha visión "fortemente onírica" sobre a especulación inmobiliaria, os impactos ecolóxicos, os atentados á paisaxe e a falta de respecto á natureza. A acción discorre no spa As Dunas, situado na Mariña, e construído sobre un castro. O balneario musical abrirá as súas portas día e noite, que terá como destinatarios a "amantes de praceres prolongados" e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical "pasando por todo tipo de refinados praceres do corpo".

Cadaval di sobre o teatro de Manolo Lourenzo que está todo el impregnado dunha "nostalxia edénica"; di que Lourenzo "acredita que hai un paraíso" e que a maneira de atopalo é a contraria da proposta pola Igrexa Católica, procura polo tanto a "aventura sentimental, o pracer e a ruptura co estabelecido". "Nestes tempos vaticanistas agradécese un pouco de amor libre", afirmou Lourenzo a este respecto na presentación da obra, que recunca no obxectivo de absorber todas as linguaxes da arte e de lle abrir os escenarios á xente nova, igual que xa fixo por exemplo Noite de Reis, a anterior obra de Quico Cadaval. "Falouse moito de que había que facer espectáculo para o público. Pero non se dixo cal era ese público", afirmou Cadaval, que rexeitou estar presionado polo éxito precedente de Noite de Reis, moi ao contrario: "deunos confianza, porque o público está moi asustado co teatro, e con aquela obra conseguimos que perdese ese medo".

As Dunas é unha obra moi dinámica, na que a música cobra un papel fundamental. Estréase este venres no Salón Teatro de Compostela ás nove da noite e repetirá todos os venres, sábados e domingos até o 29 de marzo. Despois viaxará ao Barco (17 de abril), A Coruña (24 e 25 de abril), Vigo (29 e 30 de abril), Tui (8 e 9 de maio), Vilagarcía (14 e 15 de maio), Ourense (22 e 23 de maio), Narón (29 e 30 de maio), e Ferrol (13 de xuño)


4.56/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha escena d'As Dunas

Imaxes da presentación da obra, este martes en Compostela
Imaxes da presentación da obra, este martes en Compostela
Imaxes da obra
Imaxes da obra