Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pola racionalización do gasto sanitario

Mercar medicamentos xenéricos suporía un aforro de 100 millóns de euros ao ano

Nace a Plataforma 'Non Grazas', que reivindica que os médicos receiten con principios éticos e técnicos, e non obrigados polas industrias farmacéuticas.

Redacción - 12:00 12/12/2008
A Plataforma 'Non Grazas' aposta polo emprego de medicamentos xenéricos / Flickr: totoro_zine

A Plataforma 'Non Grazas' aposta polo emprego de medicamentos xenéricos / Flickr: totoro_zine

A plataforma 'Non grazas', que foi presentada esta quinta feira en Compostela, nace para promover a "racionalización" do gasto farmacéutico na sanidade pública galega e para terminar coa influencia que exercen as industrias farmacéuticas sobre os médicos, no momento de prescribir un ou outro tratamento.

O secretario da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública -promotora da plataforma-, Manuel Martín, denunciou esta "enorme presión" á son sometidos os profesionais sanitarios por parte das farmacéuticas, que queren "condicionar a súa prescrición", e revelou que estas empresas destinan o 30% dos seus beneficios a facer promoción dos seus produtos entre os profesionais da sanidade, "o dobre do que destinan á investigación" e a mellorar a calidade dos seus medicamentos -o 14%-. Martín tamén criticou que sexan estas empresas as que están detrás de moitos congresos, nos que pagan viaxes e estancias aos médicos, e que supoñen o 90% das actividades de formación continua para estes profesionais, que precisan estar en continuo "reciclaxe".

O gasto farmacéutico está a piques de liderar o gasto sanitario
O representante da plataforma tamén explicou o gasto farmacéutico en Galicia chega ao 30% do gasto sanitario, fronte ao 14% que representa de media en Europa, e, ao tempo, denunciou que este diñeiro "sae do peto dos contribuíntes" para financiar a compra de fármacos, que é o custe sanitario "que máis está a medrar". Neste sentido, Martín indicou que un dos cometidos cos que nace a Plataforma 'Non Grazas' é o de "tentar mudar o modelo de relación" entra a industria farmacéutica e os profesionais da sanidade, e axudarlles aos médicos a "facerlle fronte á enorme presión" das empresas.

Ademais, a Plataforma reclama que sexan as administracións públicas as que se fagan cargo das actividades de formación continua dos médicos, xa que estas son "neutrais e as mensaxes non veñen mediatizados polo interese nas vendas". Este colectivo de médicos aposta, tamén, por "prohibir determinadas prácticas non éticas", como os agasallos, as viaxes e as ceas pagadas pola industria, xa que, ao seu xuízo, "xeran dependencia e relacións de débeda" e, deste modo, "condicionan" os médicos á hora de prescribir medicamentos.

Pola compra de medicamentos xenéricos
No Estado Español só o 12,5% dos medicamentos que se consumen son xenéricos; en Galiza un 7,5% -datos do 2007-. Segundo os datos facilitados pola Plataforma 'Non Grazas', calcúlase que o emprego destes fármacos tería aforrado uns 50 millóns de euros ás arcas galegas en 2007, cantidade que podería chegar aos 100 millóns este ano.
Neste sentido, 'Non Grazas' pretende influír tamén nas asociacións de usuarios, consumidores e pacientes crónicos que necesitan tratamentos habituais, cos que a industria farmacéutica "está a intentar facer o mesmo que cos médicos", tratar de "orientar a demanda" cara a fármacos que interesan ás empresas dende o "punto de vista económico".

Martín fixo, ademais, un "chamamento" á opinión pública porque "hai un enorme consumismo sanitario" no Estado. A plataforma pretende que a cidadanía "deixe este patrón de consumo de medicamentos tan elevado" e que abandone a confianza en que "o medicamento é a única ferramenta que pode mellorar a súa saúde", algo que "non é verdade" e está a provocar o crecemento do gasto público neste ámbito.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: