Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo unha enquisa

A maioría dos cidadáns valora positivamente o noso sistema sanitario

O 54% das persoas consultadas pola Unión de Consumidores de Galiza pensa que a atención que lle é dispensada na sanidade galega é boa, e o 38% considéraa aceptábel.

Redacción - 11:00 13/11/2008
A conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio

A conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio

A Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) fixo pública esta quinta feira, o informe do II Observatorio Galego de Consumo no que se recolle a opinión que os galegos e galegas teñen da nosa sanidade. En xeral, aínda que nun primeiro momento puidese parecer o contrario, a valoración feita polos enquisados do sistema sanitario galego foi moi favorábel.

De feito, un 58% das persoas que responderon a esta enquisa -enviada por correo, dispoñibilizada na web da Ucgal, e contestada por 700 persoas de toda Galiza-, coinciden en considerar a atención que lles dispensan os profesionais da Sanidade Pública Galega é boa. O 38% pensa que é aceptábel, e un 6% pensa que é mala. Sobre todo, destacan os datos relacionadas coa Atención Primaria, da que o 92% dos enquisados pensa que ten unha atención boa ou aceptábel.

A resposta máis negativa: o tempo dedicado ás consultas médicas
O que peor valoraron os enquisados son os tempos de espera. O 58% dos consultados pensan que os tempos de espera para acceder á Atención Especializada, son excesivos; na realización de probas diagnósticas e cirurxía, esta cifra chega ao 60%. Tamén hai descontento no tempo que lle dedican, persoalmente, os médicos aos doentes: en canto á Atención Primaria, o 57% dos consultados pensan que son escasos; esta porcentaxe chega ao 56% en Atención Especializada.

Contra a competencia da sanidade privada á pública
Noutra liña, a unha inmensa maioría das persoas que contestaron a estas enquisas -o 73%- parécelles mal que os profesionais da sanidade pública compaxinen a súa actividade co exercicio privado da medicina. No sentir de moitos cidadáns, non é concibíbel que estes médicos "compitan" co sistema público de saúde, abrindo unha consulta privada, e menos aínda que por mor desta circunstancia se produzan anomalías no funcionamento da sanidade pública.

A problemática da automedicación
Deste estudo tamén se tira que un 35% dos galegos e galegas consultadas toma analxésicos sen control médico, e un preocupante 3,5% afirma consumir antibióticos sen dispensación médica, deixando de lado a teoría de que non se poden adquirir sen receita médica. Se cabe, un dos datos que máis preocupa ás asociacións de consumidores é que o 26% dos consultados recoñece consumir medicinas alternativas (tisanas, infusións, alimentos funcionais...), e dentro destes, un 47% non informa ao seu médico deste consumo, que tamén afecta, dun ou doutro xeito, á súa saúde, sobre todo se estas medicinas interactúan con outros fármacos receitados posteriormente.

Pola mellora da atención ao doente
Na altura na que se fixo este estudo, aínda non botara a andar o Sistema de Queixas, Reclamacións e Suxestións QUERES da Sanidade pública galega, senón o Servizo de Atención ao Doente, o único que había até hai nada para que o usuario puidese expoñer as súas queixas e suxestións, ademais da figura do Vicevaledor do Doente, adscrita á oficina do Valedor do Pobo. Porén, dende as organización de consumidores de Galiza queixáronse de que fosen coñecedores da creación do novo Sistema QUERES polos medios de comunicación, e non directamente por parte da Consellaría de Sanidade, cando hai tempo que perseguen e traballan pola renovación do servizo.

Nesta liña, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, sinalou que tampouco teñen moi clara, e así llo trasladaron á conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, a utilidade do servizo único de chamadas para centralizar o pedimento de citas, o 902 077 333. Para López Crespo, este servizo é ben máis caro que as chamadas correntes aos números dos ambulatorios e dos centros de saúde que se empregaban antes para formalizar a cita. "O custo deste 902 é de 6 a 8 veces superior que unha chamada ordinaria, aínda que, en teoría a empresa que atende o servizo só recibe contraprestacións por cita acadada, e non por chamada recibida. Ademais, dende Sanidade aseguráronnos que o tempo de espera é inferior aos 5 segundos, pero nós estamos medindo isto, e mesmo pode chegar a un minuto". De momento, este é un servizo que non convence moito ás asociacións de consumidores.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Miguel López, secretario xeral da Ucgal, á dereita da imaxe, durante un almorzo cos xornalistas no que se presentou este estudo
Miguel López, secretario xeral da Ucgal, á dereita da imaxe, durante un almorzo cos xornalistas no que se presentou este estudo
O 58% dos consultados pensan que os tempos de espera para acceder á Atención Especializada, son excesivos
O 58% dos consultados pensan que os tempos de espera para acceder á Atención Especializada, son excesivos