Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
seis anos de catástrofes ecolóxicas

Galiza non se Vende péchase en sedes da Xunta no aniversario do Prestige

"Parécenos bastante hipócrita que se conmemore o aniversario do Prestige cando temos 40 'prestiges' igual ou máis graves funcionando".

Redacción - 12:00 13/11/2008

Esta quinta feira, 13 de novembro, fanse seis anos do afundimento do Prestige. Aproveitando este triste aniversario e para denunciar que no país seguen a existir moitas outras catástrofes ambientais parecidas a rede Galiza Non se Vende organizou peches na sede central da Consellaría de Medio Ambiente, en Compostela, nos edificios administrativos da Xunta en Vigo e A Coruña, e nos Concellos de Ferrol, Ribadavia e Mugardos. Na última hora, os manifestantes foron desaloxados, de xeito violento, do edificio da Xunta en Vigo.

Denuncian as "políticas continuístas" da Xunta en materia de Medio Ambiente
Segundo lle contou a Vieiros Xan Duro, de Verdegaia e da rede Galiza non se Vende, o obxecto destas concentracións é aproveitar o aniversario da catástrofe do Prestige para denunciar que as cousas non mudaron moito: "Parécenos unha hipocrisía que se conmemore o aniversario do afundimento do Prestige, cando existen outros 35 ou 40 prestiges de igual ou menor gravidade en marcha, e este goberno, ao chegar ao poder, deu unhas esperanzas que cambio que non se cumpriron".

Baixo o lema "Goberne quen goberne, Galiza non se vende", os activistas lembran que os danos "case irreparábeis" provocados polo Prestige, non son menores "que os que cabe agardar das políticas continuístas que seguen vendendo o país a intereses escuros, depredando, aplicando modelos traídos doutros lugares", entre os que sinalan "os recheos inxustificados" e a contaminación das nosas rías, o plan acuícola, o plan eólico ou a existencia de industrias perigosas coma Reganosa, Elnosa ou Ence, entre outras cousas.

Violento desaloxo na sede da Xunta en Vigo
A idea desta mobilización era conseguir entrar nas sedes escollidas, e presentar no rexistro un manifesto (en .pdf) elaborado para o ocasión. Porén, na sede da Xunta en Vigo, os manifestantes foron desaloxados de xeito violento pola policía autonómica. Segundo lle contou a Vieiros Xosé Reigosa, presente na mobilización e membro dos colectivos A Ría non se Vende e Salvemos Monteferro, "xa ao chegar había un número inusual de policía autonómica, polo que creo que, a pesar de ser a convocatoria secreta, sabían que viñamos". Os activistas foron entrando de un a un, "de xeito discreto, para non levantar sospeitas", sinalou Reigosa, "mais xa segundo entrabamos, ían poñéndonos pegas, preguntándonos a onde iamos, e, inmediatamente, viñeron por nós cando despregamos unha faixa, e botáronos a empurróns, de xeito moi violento".

Despois, ás portas do predio, os perto de 20 manifestantes foron identificados pola policía española, que acudiu ao lugar en dúas furgonetas, e dous deles foron detidos, por non levar enriba a súa documentación; "así terminamos, tratados coma se fósemos terroristas", subliñou Reigosa. Porén, segundo Xosé Reigosa, o obxectivo que tiñan, entregar o seu manifesto no rexistro, foi cumprido "por unha persoa que chegou tarde e puido entrar sen que a detivesen". "Creo que todo o efectivo foi desproporcionado", concluíu Reigosa. O colectivo vai presentar nos xulgados unha denuncia conforme non se lles permitiu entrar nun edificio cuxa entrada é pública.

Nestes momentos, os activistas atópanse tentando ocupar a sede central da Consellaría de Medio Ambiente en Compostela, e en Ferrol, Mugardos e Ribadavia, nas casas dos concellos.


Ligazóns

4,67/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: