Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARBURANTE

O barril de Brent cae por debaixo dos 99 dólares, o nivel máis baixo dos últimos seis meses

Nos últimos oito anos o prezo do barril de Brent medrou un 11,21 % mentres que pagamos o dobre polo litro de gasóleo.

Redacción - 13:00 15/09/2008

A cotización do petróleo vén de caer por baixo dos 99 dólares por barril, o nivel máis baixo dos últimos seis meses, unha baixada que se debe a que os operadores apostan por unha rápida recuperación da produción petroleira tralo paso do furacán Ike. Esta perda, de máis de dous dólares, sumouse a unha constante tendencia á baixa dende o máximo, que se marcou a mediados de xullo con máis de 147 dólares por barril.

Evolución de prezos e cotizacións
En suma, o prezo do barril de Brent baixou notabelmente nos últimos meses, unha baixada que non se reflicte nas estacións de servizo á hora de encher o depósito. Neste sentido, un lector de Vieiros achéganos unha estatística que nos depara unha subida no prezo do barril de petróleo dende o ano 2000 que chega até o 11,21 %, mentres que o ascenso no prezo do litro de gasóleo é do 100,12 %. No mesmo sentido se pronunciaron as asociacións de consumidores (FACUA – Consumidores en Acción, Unión de Consumidores de España), que afirman que as petroleiras esgotan os seus recursos para non baixar o custe do combustible ao mesmo ritmo que o fai o fuel. Da súa banda, as empresas deféndense argumentando que existen outros factores que interveñen no prezo final co que enchemos os nosos depósitos.

Segundo estes últimos, nos países con liberdade de prezos como o Estado Español, as tarifas obedecen á cotización internacional do barril, pero tamén á cotización de produtos petrolíferos refinados, á marxe de distribución e comercialización e aos impostos vixentes. Argumentan, por exemplo, que cando o barril de Brent acadou o seu máximo no pasado mes de xullo, o aumento do prezo da gasolina foi menor en termos porcentuais, xa que o primeiro dos factores, din, non é o único nin o máis importante.

Doutra banda, as asociacións de consumidores argumentan que a baixada dos prezos está a ser, con todo, demasiado lenta, e que os prezos de están a inflar artificialmente. Neste sentido, xa enviaron escritos á Comisión Nacional da Competencia, nos que se solicita unha investigación sobre a evolución dos prezos dos carburantes argumentando que dende a liberalización do sector, acometida a finais da década pasada, cando se eliminou o sistema de prezos máximos que fixaba o goberno, está a ser moi preocupante a evolución á alza que experimentou o prezo dos carburantes. Este organismo, pola contra, non tomou aínda ningunha medida concreta, se ben adiantou que se manterá alerta para actuar ante os posibles indicios de que as empresas que controlan o sector (Repsol 45%, Cepsa 25% e BP 10%) tiveran acordado manter as tarifas malia a baixada do prezo do petróleo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: