Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
"non era cardiólogo"

Sanidade ha mudar, á fin, o nome do Juan Canalejo

A CRMH, que leva anos protestando porque o centro se chame como un coñecido falanxista, asegura que esta mudanza é unha "conquista social".

Redacción - 18:05 10/07/2008
Juan Canalejo, baixo o símbolo da Falanxe

Juan Canalejo, baixo o símbolo da Falanxe

A Xunta está aquelando o expediente para rebautizar o hospital coruñés, que deixará de chamarse Juan Canalejo este ano. O nome que levou durante medio século este hospital, lonxe de ser o dun recoñecido médico, é o do fundador da Falanxe na Coruña, un pistoleiro que mesmo chegou a ser "xefe territorial" dunha das organizacións fascistas que participaron no golpe que deu comezo a unha longa ditadura. Canalejo, pese a que non foi moi popular, tamén ten unha céntrica rúa na cidade herculina.

Despois de varios aprazamentos, chegou o momento
Sete meses despois da entrada en vigor da Lei da Memoria Histórica, a conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, decidiu levar ante o Consello da Xunta, antes de que termine o mes, o decreto que ha mudar o nome do centro sanitario, que pasará a se chamar Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Hai uns meses, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), que leva anos tentando terminar coas pegadas que deixou o franquismo na cidade, pedíalle, de novo, a Rubio que comezase coas xestións para mudar a denominación no hospital. Naquela altura, chegaban dende o Goberno discursos contraditorios: por un lado estaban os que defendían a mudanza do nome, e polo outro, os que salientaban que, por prestixio (polo que gañara o hospital durante décadas, a nivel internacional), o nome debía ficar como estaba, para non poñer en perigo a "marca de calidade" que "tiña o complexo no mundo científico e médico".

Todo o mundo soubo quen foi Canalejo
Baixo o lema "Juan Canalejo non era un cardiólogo", a CRMH da Coruña desenvolveu unha intensa campaña para mudar a denominación do centro canto antes, a través da recollida de sinaturas e enviándolle unha petición formal á Xunta.

Con estas accións, moita xente soubo que Canalejo non era un reputado médico, senón un falanxista: "a cidadanía puido descubrir que o grupo que dirixía facía exercicios de tiro, asaltaba e tiroteaba as sedes dos partidos e dos sindicatos, roubaba as fichas de afiliación, acudía con pistolas aos mitins e manifestacións, rebentaba as folgas, etc., é dicir, organizaban todo tipo de accións terroristas contra o réxime legal e constitucional da 2ª República", contan nun seu comunicado.

Cando souberon das intencións da conselleira de Sanidade, dende a CRMH amosaron a súa ledicia e déronlle os parabéns a todos os cidadáns e cidadás que colaboraron na súa campaña. Agora a Comisión agarda que "despois desta decisión da Xunta, en aplicación da Lei da Memoria Histórica, o Goberno Municipal da Coruña acorde axiña o cambio de nome da rúa Juan Canalejo, pola de Socorro, que é o nome que tiña antes do golpe militar de 1936".

30 rúas con nomes por mudar, unha estatua por quitar
Na actualidade quedan na Coruña unhas 30 rúas por rebautizar (todas elas con nomes que exaltan a ditadura e aos que promoveron a sublevación do 36), e unha estatua de Millán Astray por retirar.

Ademais deste decreto de Sanidade, queda aínda por elaborar un outro de Educación, Consellaría que dirixe Laura Sánchez Piñón, e quen ten pendente a mudanza dos nomes de varios centros educativos, como o Colexio Francisco Franco en Beariz (O Carballiño) ou o Colexio Carme Polo (Ferrol).


Ligazóns

4,7/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O complexo hospitalario, visto dende o ar
O complexo hospitalario, visto dende o ar
Na actualidade aínda existe un colexio co nome de Carme Polo e outro co de Franco
Na actualidade aínda existe un colexio co nome de Carme Polo e outro co de Franco
Millán Astray, fundador da Lexión, a carón de Franco
Millán Astray, fundador da Lexión, a carón de Franco