O grupo finalista do concurso 'Nsaio no camiño' do ano pasado, Son do Galpom, promove o certame cun concerto a mediodía.
Funky, reggae e rap ao mediodía. Lonxe dos espazos típicos destes estilos musicais, lonxe da noite máis habituada aos sons propios da guitarra eléctrica ou a batería, a praza compostelá do Toural vén de acoller un concerto do grupo galego Son do Galpom.
O conxunto, formado por Gael Bassave (voz e letras), Brais Bassave (violino e composición de música), Xurxo Climent (guitarras clásica e eléctrica), Jano Castro (baixo) e Aitor García (batería) ofreceu o seu repertorio ante un asombrado público que, simplemente, pasaba por alí. Ademais dos incondicionais, amigos que se achegaron a bailar coa súa música, o máis habitual eran os turistas e os veciños interrompidos no momento de facer a compra.
Finalistas en 'Nsaio no camiño'
Son do Galpom foi un dos grupos finalistas na última edición de 'Nsaio no camiño', na categoría de fusión. Este certame, que ten por obxecto promocionar aos grupos noveis galegos, está xa inmerso nunha segunda edición. Para dalo a coñecer e achegalo á rúa, veñen de organizar este atípico concerto, no que o grupo debullou algúns dos seus temas máis coñecidos como Antes de pequeno ou Dende a moniña.
Logo de dous anos e medio como grupo, os seus integrantes amosáronse moi satisfeitos coa súa actuación no Toural e animan a aqueles que os queiran escoitar a que se acheguen ás moitas actuacións que teñen previstas este verán. Entre elas, a Festa do Viño de Ribadavia, o Festival Revenidas de Vilaxoán, o Festival da Chaira na Pastoriza, ou na Fábrica de Chocolate en Vigo, entre moitas outras. Ademais, amósanse dispostos a gañar o A polo ghit, no que este ano participan co seu Na cama.