Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Destrución a toda Costa 2008'

Vázquez retrúcalle a Greenpeace: o informe é "antigo, amarelista e decepcionante"

O conselleiro e Medio Ambiente considera que o documento presentado esta cuarta feira polo grupo ecoloxista "non reflicte a realidade".

Redacción - 17:30 03/07/2008
O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez

O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez (PSdeG), cualificou esta sexta feira o informe de Greenpeace sobre o estado ambiental de Galiza de "antigo, amarelista e decepcionante" porque "non reflicte a realidade dos últimos tres anos".

Neste texto, titulado Destrución a Toda Costa 2008 e presentado esta cuarta feira, o colectivo ecoloxista Greenpeace realiza unha análise dalgúns dos problemas máis graves, peneirando as principais agresións, desde as macrourbanizacións até a planta de Reganosa, mais, segundo Vázquez "conta con pouco rigor científico". Neste sentido, o conselleiro referiuse, como exemplo, ao caso de Sanxenxo, que aparece no informe como un concello que se desenvolve de xeito descontrolado, cando, segundo Vázquez, "a consellería ten tres recursos contenciosos-administrativos parando as construcións".

Vázquez tamén retrucou á parte do informe que fala das rías galegas, e salientou que dicir que están todas contaminadas "é medio verdade, porque se investiron 629 millóns para sanealas". En canto á marea de cemento da que alerta Greenpeace, o conselleiro socialista dixo que as cousas non son tanto así, xa que "por primeira vez na historia se fixo unha Lei de Medidas Urxentes paralizando a construción a cincocentos metros da costa en 1.450 quilómetros".

O conselleiro referiuse tamén á ría do Burgo e dixo que a consellaría que el dirixe está a dedicarlle tempo a acabar coa licitación do cen por cento dos impactos de vertedura antes de que remate o ano.

"A Galiza que se reflicte no estudo non é a que eu coñezo"
O conselleiro de Medio Ambiente dixo sentirse decepcionado co informe de Greenpeace, porque se trataba dunha organización na que el "confiaba" e que "non está a reflectir a realidade".

Tamén dixo que pola súa xestión non agardaba recibir "aplausos", porque "seguro que hai moitas cousas que non se están facendo ben", mais tampouco pensaba que se había mostrar unha "imaxe catastrofista".

"Non me gusta o informe e dóeme porque seguramente terán razón en cousas pero esa imaxe catastrofista non a comparto en absoluto. Estamos a traballar moito para romper esa imaxe, se iso o din o día antes de tomar posesión créoo, pero a día de hoxe non", sentenciou Vázquez.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Flickr: enderxen
Flickr: enderxen
O informe refírese a puntos de contaminación como a Ría de Ferrol (arriba) a de Vigo (aquí, a depuradora do Lagares) e a do Burgo (abaixo)
O informe refírese a puntos de contaminación como a Ría de Ferrol (arriba) a de Vigo (aquí, a depuradora do Lagares) e a do Burgo (abaixo)
Flickr: Delfin Grande
Flickr: Delfin Grande