Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Causa aberta en 2005

A 'Operación Castiñeira' segue viva

A Audiencia Nacional arquiva a causa aberta contra militantes da AMI, mais os informes elaborados a partir desta seguen a "alimentar" outros sumarios sobre "terrorismo galego".

Redacción - 15:00 20/06/2008

Malia que a Audiencia Nacional arquivou esta quinta feira a coñecida como Operación Castiñeira -a causa aberta a finais de 2005 contra varios membros da Assembleia da Mocidade Independentista (AMI)-, o certo é que os informes extraídos das dilixencias policiais seguen a servir para contextualizar dentro do "terrorismo galego" a instrución doutros sumarios contra militantes independentistas.

Neste caso, o xuíz Santiago Pedraz arquivou a causa, logo de que a Fiscalía non atopase indicios de 'asociación ilícita' nin de 'apoloxía do terrorismo' (os delitos capitais imputados) para poder xulgar os detidos. No seu momento a Audiencia Nacional non presentara ningunha denuncia relacionada co terrorismo; no entanto, o Tribunal Supremo ditaminou que o caso era da súa competencia, aínda que o resto de imputacións estaban relacionadas con 'inxurias a Coroa' e 'queima de bandeiras'.

A organización non quixo realizar polo momento ningunha valoración oficial do peche da causa, mais militantes consultados consideran que "a noticia non é unha sorpresa; a policía actúa en función da presunción de culpabilidade, e non da de inocencia". "Do que non temos noticia é de se nos van devolver todos os bens persoais que nos roubaron: diñeiro, computadores, ...", sinalan.

Ademais, salientan que hai outros sumarios abertos na Audiencia Nacional, abertos pola xuíz Teresa Palacios, instruídos na actualidade polo maxistrado Fernando Grande-Marlaska, "de claro contido político". "Alén doutros sumarios que non coñecemos e que outros xuíces da Audiencia Nacional están a instruír contra o independentismo", engaden.

De delitos de danos a xuízos por terrorismo
Neste senso, aínda que quedou probado a nula relación con delitos de terrorismo, a Operación Castiñeira segue "alimentando"outros casos. Un exemplo disto é o caso dunha das detidas naquela operación policial. Unha súa pegada dactilar apareceu nunha bandexa colocada baixo unha das máquinas que traballaban na construción dunha minicentral na Merca (A Arnoia), que foi sabotada.

O sumario deste caso, sinalan as mesmas fontes, foi "condimentado" con informes policiais da Operación Castiñeira, onde se fala da súa pertenza á AMI e de "terrorismo galego". "Isto provoca que en vez de derivar nun xuízo común por danos, ou o que sexa, vaia para a Audiencia Nacional e o xuízo vaia ser por terrorismo", afirman. Xa que logo, consideran que operación, "aínda que arquivada, segue viva".


5/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: