Uniron as súas forzas en 'Clic', un álbum de pop redondo que inclúe dúas cancións en galego.
O referente estaba na outra beira do mar. Wilco e Billy Bragg xuntáronse o pasado ano para reinterpretar a Woody Guthrie en Mermaid Avenue, sumando a sensibilidade acústica e a forza dunha banda. Magín Blanco cita esta experiencia cando trae á memoria as razóns que o decidiron a gravar un disco conxunto coa Burgas Beat: "Os Burgas Beat teñen moito empaque: levaba anos sen suar no escenario". Ourensán un e os outros, amantes do rock clásico e conscientes das posibilidades do pop, no inverno gravaron nos estudios de Casa de Tolos once cancións, cinco de cada un máis unha versión do Anduriña de Juan & Junior.
Chamouse Clic e está formado por once cortes dun pop redondo, clásico e universal, de retrousos brillantes e a presenza continua das guitarras e do hammond. Ao igual que a propia composición do combo formado por Magín Blanco e a Burgas Beat, o disco combina o poder da banda, co saber facer acústico do cantautor, temas que poderían chegar a hits, como o propio Clic, que abre o traballo, e cancións máis sinxelas como La chica de los pies gigantes ou Mejor que esto. Clic incorpora, ademais, dous temas en galego: Canto de Serea (candidata ao A Polo Ghit) e Anduriña.
Esta fin de semana Ourense acolle dous concertos nos que se presentará o disco. Dous concertos, ademais, moi diferentes: o venres na Sala Auriense, Magín Blanco & Burgas Beat farán un concerto acústico onde repasarán os temas que compoñen o seu novo disco. No seguinte día as 21:00 h, presentarán de novo Clic na Sala Rock Club e repasarán de novo os 11 temas do disco, pero desta vez en formato eléctrico.