Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MAGÍN BLANCO, MÚSICO

"Os Burgas Beat teñen moito empaque: levaba anos sen suar no escenario"

En primavera publicará coa banda ourensá un disco conxunto, no que se inclúe unha versión de 'Anduriña' que presentarán ao A Polo Ghit'08.

Redacción - 11:33 28/01/2008

Magín Blanco atópase nunha fase de esplendor creativo. En outubro publicou Realidad, o seu segundo álbum en solitario, en breve chegará ao mercado un novo traballo do músico de Valdeorras. Será un disco conxunto coa banda ourensá Burgas Beat, algo novidoso na escena musical galega. Cinco cancións por cabeza e unha sorpresa: unha versión do Anduriña de Juan Pardo que presentarán á edición 2008 de A Polo Ghit.

O disco xa está gravado. Hai unha data fixada para o lanzamento?
Non hai unha data concreta. Deixémolo en que sae en primavera, que soa ben.

De onde vén a túa relación cos Burgas Beat?
Somos amigos dende hai moito tempo. Creo que toquei con eles por primeira vez en 1984, cando eles se chamaban Viernes y los Robinsones. E mesmo tivemos durante un tempo un grupo de versións: Los Cachorros.

Que che aportan eles e que lles aportas ti?
Eu só toco a guitarra acústica e doulles un toque máis clásico, máis harmonía. Eles, claro, danlle máis empaque ás cancións, máis forza. De feito, había anos que non suaba no escenario. Eu non tiña banda de directo e pensamos en facer algo do estilo de Wilco e Billy Bragg.

E unha canción en galego...
Si, aínda que a maior parte do disco cántase en castelán, sabemos onde estamos, onde vivimos, e no galego tamén estamso moi cómodos. Nos meus discos sempre inclúo algún tema en galego, por exemplo Cantos de serea no último. O Anduriña que fixemos ímolo presentar ao A Polo Ghit deste ano, a ver se hai sorte.

Dous discos en poucos meses. Non paras este ano...
Estou vivindo unha etapa persoal curiosa e quero aproveitalo. Tamén vou facer agora algunhas actuación co sobriño dunha das integrantes de Vainica Doble. Vai ser en Madrid, na Sala Clamores, e apetéceme moito, porque nunca toquei fóra de Galicia.

Estás satisfeito con Realidad?
Si, creo que é un contrapunto ao disco anterior, é máis vital. Non houbo moito tempo para promocionalo, pero estou moi satisfeito. Estamos a piques de sacar o segundo videoclip do álbum, que fixo Filmanova.

E vés de colgar o primeiro disco de La Rosa, de 1989, no teu blog. Vas seguir a colgar máis traballos?
Vou colgar aínda o segundo disco do grupo que tiñamos, tamén dixitalizado e en descarga gratuíta. O primeiro está tendo bastantes descargas.

Non resulta doado isto de dedicarse á música, non si?
Non, evidentemente, non. Eu son carpinteiro e agora estou de autónomo para poder centrarme máis na música. Parece que agora a administración está apostando máis pola música, polos grupos novos, está arriscando e iso está ben.


Hielo sobre hielo (Realidad, 2007)


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A gravación en 'Casa de Tolos'
A gravación en 'Casa de Tolos'