Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Distorsión do índice de prezos

Os consumidores apoian cambios cara ao IPC real

Introducir a vivenda e as hipotecas como factores ou suprimir do cálculo o período de "rebaixas", son algunhas das demandas dos colectivos.

Redacción - 09:00 07/05/2008

"O feito de que a vivenda non apareza reflectida no índice de prezos ao consumo distorsiona a realidade a pé de rúa", sinala Ana Olveira, presidenta da Unión de Consumidores de Galicia. Para esta asociación está claro que se trata dun indicador relevante no cotiá das familias, e que debería formar parte do cálculo do IPC. Tamén propoñen que as hipotecas pasen a integrar o indicador.

Por outro lado, a Unión de Consumidores de Galicia, UCGAL, tamén recorda unha reivindicación que o colectivo leva trasladándolle ás administración "desde hai anos", para que as rebaixas deixen de ser incluídas no IPC. Segundo explica Ana Olveira, o feito de que se produzan descensos coincidindo cos meses nos que se abre o período de rebaixas distorsiona tamén a realidade. Lembran que as rebaixas non son obrigatorias, que son aplicadas de xeito diferente e con distinta duración polos comerciantes, e consideran que non dan a imaxe verdadeira da presión sobre os petos dos cidadáns. Ao fío, a voceira da UCGAL lembra que antes da última modificación, en 2002, do sistema de cálculo, as rebaixas non eran incluídas como factor de influencia.

Desde a Federación de Consumidores en Acción, FACUA, entenden que sería bo que o goberno español abrise un diálogo cos diversos axentes económicos e sociais coa fin de debater ao respecto do sistema actual de cálculo de prezos. O colectivo está a prol de abrir un debate e estudar a estrutura actual do IPC, de xeito global e en canto á ponderación de cada factor. Reflexionan desde FACUA que non só é necesario analizar que elementos se poderían incluír ou retirar do cálculo, senón tamén ver polo miúdo se sería recomendábel algunha variación sobre o peso no índice de cada un dos produtos incluídos.

A discutíbel maxia do sistema actual
Aquel cambio no mecanismo de cálculo fora xa criticado duramente por outro colectivo do mesmo ámbito, a Organización de Consumidores e Usuarios, OCU, desde onde se laiaban que cos prezos subindo a pé de rúa en pleno cambio cara ao euro, o goberno español sacase da manga un sistema onde paradoxalmente o IPC baixaba naquela altura. "Pretender facer crer ese descenso entra xa no ámbito da alquimia", ironizaban, denunciando a "cociña" dos datos.

Anterior: O furado real dos petos: moito máis fondo cá foto parcial do IPC


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: