Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
II edición do Laiosa Soa

A Laiosa fai peneira de novos valores musicais

O Incio é epicentro musical do país este venres. Aló estarán Lapanaback, Grasa e Indana, competindo nun certame onde xa antes houbo selección entre 61 grupos.

Redacción - 12:30 10/08/2007

Chamado a converterse en referencia para os grupos novos do país, o Laiosa Soa foi capaz de sumar nesta segunda edición as propostas creativas de até 61 grupos, o dobre da edición anterior. A maioría foron galegos aínda que a vontade do certame é abrirse a propostas de todo o noroeste estatal, e a representación incluíu tamén algunha mostra de Asturias ou Castela e León.

Durante semanas, os internautas puideron avaliar na web oficial do evento a elevada calidade da maioría de composicións, nunha escolma que ademais non discriminou estilos e recibiu temas desde o blues ao metal pasando polo folk e o pop.

Finalmente, tres foron os escollidos para a festa deste venres no polideportivo da Laiosa. A proposta será diversa e promete non defraudar. Xogando en terreo local estarán os monfortinos Lapanaback, un conxunto de músicos de longa experiencia que ofrecen unha mestura de bossa nova e fusión de ritmos variados. Serán os encargados de abrir concerto arredor das 22h. Arredor dunha hora máis tarde será quenda para o funky festeiro de Grasa, que tamén lle fan as beiras do rock, cunha combinación de guitarras e mesmo trompeta xunto con irónicas letras. Pecharán a quenda dos grupos novos os composteláns Indana, que despois de varios cambios na formación en cinco anos de historia, consolidan unha proposta de rock alternativo que non deixa indiferente.

Mestre de cerimonias durante toda a noite, Tonhito de Poi subirá entón coa súa banda. Será oportunidade ademais para coñecer as novas composicións que o grupo levará nos próximos meses polos escenarios. E fin de festa potente: o grupo convidado, a mítica banda de punk rock The Killer Barbies, que volve aos escenarios coa súa formación clásica, logo do retorno ao grupo do Dr. Gonzo e SuperBingo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: