Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
ESTE XOVES COMEZOU O XUIZO EN ARXENTINA

Piden que a Igrexa repudie o crego xulgado por crimes durante a ditadura

Reclámanllo as Avoas da Praza de Maio, polo ex capelán da policía que está sendo xulgado por torturas e asasinatos. Crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 09:35 07/07/2007
Von Wenrich mostrouse moi tranquilo durante a vista

Von Wenrich mostrouse moi tranquilo durante a vista

“Christian Federico Von Wernich”. O crego pronunciou o seu nome con delicadeza e elegancia e as almas das nais e familiares das súas vítimas tremeron do espanto este xoves cando comezou a ser xulgado pola morte de 7 persoas, o secuestro doutras 42 e as torturas a 31 máis durante a última ditadura militar arxentina. No primeiro día do xuizo e diante do Tribunal Oral Federal 1 da cidade bonaerense de La Plata, o ex capellán da Policía Bonaerense preferiu calar e non declarou máis co seu nome e algúns outros datos persoais.

"Seguindo as indicacións do doutor (Martín) Cerolini, que é o meu avogado, non vou declarar e non vou aceitar preguntas", dixo o Von Wernich que noutros tempos non só non calou senón que participou activamente na tortura e na morte de detidos polas forzas represivas que tomaron por asalto o Estado no ano 1976.

Vestido de crego e cun chaleco antibala, Von Wernich permaneceu detrás dun cristal que non foi quen de afastalo da mirada das integrantes das Nais da Praza de Maio que ocuparon os primeiros asentos do público e que seguirán o xuizo todo.

O fiscal Carlos Dulau Dumm, dixo que Von Wernich tivo unha "sobranceira intervención no chamado "Circuito Camps" de centros clandestinos de detención, torturas e eliminación de persoas despregado dende as estruturas estatais durante a época da ditadura militar".

Centros clandestinos
O sacerdote "concorría a algúns dos centros clandestinos, accedía ás zonas nas que se atopaban ilegalmente privadas da súa liberdade as vítimas, mantiña contacto directo con elas e aplicaba tormentos principalmente psicolóxicos e morais aos prisioneiros", engadiu o fiscal.

Tamén este xoves, a titular das Avoas da Praza de Maio, Estela de Carlotto, reclamou o repudio público da xerarquía da Igrexa Católica ao ex capelán da policía bonaerense. "Eu pido á miña Igrexa Católica que así como excomulgan a quien se divorcia ou aborta polo, segundo eles din, agravio á vida, cómo non van excomulgar e sacarlle as condicións de sacerdote a un asasino", preguntouse Carlotto.

O xuizo foi acompañado dende as rúas por unha ruidosa manifestación de organismos de Dereitos Humáns que cos seus berros e cantos encheron en varios momentos a sala da audiencia das verbas de "asasino".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: