Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sinalan a "infrautilización" do mundo agrario

"Creouse un tramado de intereses mercantís capaz de convivir cos incendios"

É un dos factores a considerar para a solución dun problema "complexo". Así se expuxo nas conclusións do foro Por unha nova cultura forestal.

Redacción - 15:00 03/07/2007
Representantes do foro, este martes en Compostela

Representantes do foro, este martes en Compostela

O informe e as conclusións, coordinado polo Consello da Cultura Galega, subliñan a complexidade dun problema que non pode reducirse a unha soa explicación senón a factores múltiples. Un deles é o que se refire aos aspectos sociais, económicos e políticos, e en representación do grupo de expertos que participaron nas xornadas falou deste aspecto Xesús Balboa, profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago.

Estruturas mercantís pouco eficaces
Balboa subliñou a idea de que alén da opinión sobre a idoneidade de determinadas especies forestais para os montes do país, o que realmente contribúe á vaga de lumes non son as especies en si, senón a deficitaria xestión que se fai delas. "Déuselle excesivo protagonismo á produción de madeira", explicou, advertindo de que por riba as estruturas mercantís da madeira centráronse en madeiras de baixa calidade. "Iso convidou a un tramado de intereses mercantís perfectamente capaz de convivir cos incendiso", censurou, chamando a promover cambios nesas estruturas.

Son necesarias medidas "coercitivas" que terán "custos políticos"
O foro repara tamén na necesidade de conseguir a valorización de montes que na actualidade están maioritariamente "abandonados ou mal xestionados". Cualificou como fundamental a actual estrutura da propiedade parcelaria. Dunha banda referiuse á elevada fragmentación dos terreos, un monte "minifundizado" ao que ninguén atende e con familias que ás veces "nin sequera saben exactamente cal é o pedazo de monte da súa propiedade". No outro estremo colocou a existencia de grandes superficies que se ben facilitarían unha xestión "eficiente", actualmente están nas mans de comunidades de veciños maioritariamente "inactivas".

O foro de expertos convidados nesta área sinalou como desafío a estimular a "dinamización" da propiedade e a "modificación da propiedade das estruturas parcelarias". Xesús Balboa opinou que este problema de fondo e a procura de montes "ben dimensionados" sobre os que sexa máis doado promover estratexias de xestión sustentábel terá "costes políticos moi concretos". Na súa opinión, para que teña éxito a viraxe deberá combinar iniciativas de "incentivación" e de "coerción". Ao fío, indicou que este último estremo dependerá da capacidade da administración de "asumir eses custos políticos".

A ruptura do vínculo do medio rural co monte
O informe sinala que no momento en que aos veciños se lles volve ceder o uso dos montes veciñais, as comunidades rurais deixaran de ser as de décadas atrás, convertidas en espazos avellentados e pouco capaces de aproveitar activamente os montes. Segundo as conclusións do estudo, as políticas herdadas do franquismo neste ámbito non foron corrixidas polo que nas últimas décadas non xurdiu unha masa social que apoiase o monte "como fonte de riqueza". Pola contra, os montes foron quedando abandonados e pasaron de seren fonte de traballo a vérense como "espazo inútil e hostil".

Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, destacou as propostas para conseguir o equilibrio entre o desbroce do mato e a non agresión aos ecosistemas. Tamén salientou as recomendacións para a transformación da biomasa en enerxía eléctrica. Ao fío, explicou que os participantes no foron tiveran gabanzas para o cambio de tendencia nas estratexias do Goberno, que pasan a valorar factores relacionados con estes desafíos que antes eran esquecidos.

Percepción social e formación de "cidadáns críticos"
Interviu tamén este martes Xosé Luís Barreiro Rivas, coordinador da xornada sobre "Percepción social, educación cívica e información". Barreiro Rivas destacou que por primeira vez o problema parecese pasar de ser simplemente político a converterse tamén en "público". "Este é un dos inicios da solución: cando a sociedade galega deixa de situar o problema fóra de si", comentou. Con todo, cualificou 2006 coma "o ano dos incendios mediáticos" e reparou en que por exemplo a xente "falaba máis do incendio que vía por televisión ca do que tiña a pé da casa".


Ligazóns

4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: