Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
MÚSICA CONTEMPORÁNEA

O éxodo da partitura galega

A súa vocación criouse nos anos 80, canda o pulo social de modernidade que experimentaba Galiza. Pero axiña, a probreza de expectativas expulsounos cara a outras xeografías. Os compositores galegos de música contemporánea son unha vizosa multitude no estranxeiro: Manuel Rodeiro en Barcelona, Octavio Vázquez en Nova York, Canco López e Javier Arias en Madrid... Só de cando en vez, chega un eco lene dos seus traballos. Unha reportaxe de Aurelio Castro.

TEMPOS Novos - 08:00 26/06/2007

Á fin, o 18 de febreiro de 2007 retornaba a Galiza a partitura de Manuel Rodeiro (San Xoán de Vilanova, 1965). Foi da man do Centro Dramático (CDG) e de Nordesía, coa estrea do concerto Fende-lo son. Malia a que, segundo o tamén profesor da Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC), esta viaxe casou moi a miúdo “coa dun Ulises que dificilmente daría feito algo en Ítaca”. Rodeiro fai parte do silencioso arquipélago de músicos contemporáneos galegos. A meirande parte, aínda que arredados espacialmente entre si, poderían axuntarse arredor de dous feitos comúns: a súa dedicación incansábel e calada ao oficio e mais un éxodo que prosegue.

Os seus primeiros pasos prenderon tamén cabo dos anos oitenta. “Foi un intre de acordarmos en Galicia, de tentar o moderno, o urbano. Naquela altura, descubrín que o que me compracía era estudar a música, afondar nela”, di Rodeiro. Porén, o interese por estes territorios máis académicos nacíalles nunha paisaxe tremendamente erma. Por caso, Javier Arias Bal (Lugo, 1964), que é arestora docente nun instituto de secundaria en Madrid, lembra matricularse aos 12 anos no conservatorio da súa cidade e topar cunha educación balorenta: “Aprendíannos cuestións técnicas, solfexo, facer escalas. Era un método anticuado, nada a ver co verdadeiro significado da música”.

Octavio Vázquez (San Xoán de Río, 1972) foi organista da parroquia de San Pedro. “A meu irmán regaláranlle un casio-tone. Xogou con el apenas un día e logo xa quedou para min. Empecei a compor melodías e a escribilas mediante a invención dun sistema que combinaba os números da calculadora (as notas) con comas en distintas posicións (as duracións)”, conta. Pouco despois, recibía clases privadas de órgano de Begoña López, do grupo Taranis. A día de hoxe reside en Nova York, dende onde desenvolve internacionalmente o traballo de compositor. Engade que “até os dezaseis anos, o núcleo da miña formación foi marcadamente autodidacta, feito que exerceu unha grande influencia no meu vencello á música”.

Neste comezo illado, en terra de ninguén, a figura do mestre resultou imprescindíbel para acharen sentido e dirección no camiño musical. “Na miña carreira tiven máis de trinta profesores, mais de certo, só dous mestres. É a persoa que che permite seguir formándote e entender asemade que a formación dun compositor non finaliza nunca”, asegura Arias Bal. Sobriño-neto do exiliado político e musicólogo Jesús Bal y Gay, non coñeceu emporiso o saber deste parente até os vinte anos, cando a súa vocación xa se decantara: “Iniciei con el unha sincera relación de admiración, aínda que xa estaba moi maior e puiden velo só unhas cantas veces”. Tería que marchar a Madrid para atopar a David del Puerto, con quen experimentou, por fin, “a música coma algo profundo”. Amais, o encontro entre ambos dispúxollo outro compositor galego, Canco López, da mesma xeración que Javier.

“Eu poño na miña biografía, con moito orgullo, a un trombonista militar que xa estaba retirado. Era un músico excepcional e quen me aprendeu solfexo, harmonía, as primeiras cousas. As súas leccións eran tan rigorosas, cun compromiso tan serio, que xa te quitaba de trangalladas. Era Jaime Ares”, revela Manuel Rodeiro. A continuación, Manuel Nunes en Lisboa e Francisco Guerrero en Madrid estenderon esta socialización de sabedoría que, a xuízo do compositor de San Xoán de Vilanova, non collería en ningunha partitura: “A escolástica da composición son códigos baleiros, se non hai quen che mostre un instinto propio, unha sensibilidade, unha tradición que se transmite oralmente”.

Os atrancos para a música contemporánea en Galiza non arremedaron, pola contra, todas estas ansias de coñecemento, que foron procurando xeografías máis acaídas. Mesmo certo nomadismo durante o tempo de formación constrúe, segundo Octavio Vázquez, “unha experiencia e unhas relacións persoais irremprazábeis para unha profesión tan internacional e cosmopolita”. Con todo, os tres coinciden en salientar a disputa inicial contra este contorno de xordeira. “Dende logo, a falla dun espazo no que poder estudar cun mínimo de profesionalidade condiciona moito. Non había un ambiente colectivo, coma o que ha de haber nunha escola de música, onde as infraestruturas, as escolas, as orquestras, a educación secundaria, camiñan cara ao mesmo punto”, resume Javier Arias.

Unha illa fantástica no CGAC

A piques de rematar os 80, xorden os primeiros auditorios do país para escoitar en directo obras contemporáneas. No entanto, a Orquesta Sinfónica (OSG) non se erguería até 1995, mentres que a estrea da Real Filharmonía (RFG) cadrou un ano despois, o 29 de febreiro. Denantes deste período, sentiuse no Teatro Principal de Santiago de Compostela Trío de Corda, o primeiro e rotundo éxito de Manuel Rodeiro. Era aínda 1989. “Podería mandarche as críticas da obra, porque nunca me pasara cousa igual. Os encargos que tiven a continuación foron sucesivos, dende a USC até o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). Daquela, pensei que con esa repercusión podería ficar aquí. E para nada. Decátaste de que hai que seguir facendo noutras partes”.

Pero Rodeiro volta en 1994, após do lustro no que “máis se encheu o meu currículo”. E nesta ocasión, as tarefas correspóndense coa dirección do Departamento de Música do CGAC de Gloria Moure. “O que creou Manel alí foi unha sorte de illa fantástica. Aquela temporada é un exemplo de como hai que facer as cousas”, di Javier Arias. Un Laboratorio de Creación Musical, que contaba con intérpretes foráneos e un taller para xente máis nova, de Galiza, artellou un escenario de investigación punteiro no Estado español. No ámbito tecnolóxico, resultou a primeira institución en manter unha relación directa co Centro de Acústica Musical do Centro Georges Pompidou, ou en se dotar de software

 especializado.
“Para as persoas que o coñeceron, o Departamento é unha referencia mesmo mítica, que marcou época. A mágoa foi que cando andaba no seu punto máis alto, sucedeu a primeira crise do CGAC. Nós con Gloria estabamos encantados. Cando a botaron, a min propuxéronme seguir, mais non tiña forzas para tal. Tamén había moito boicot por parte da Xunta”, lembra Rodeiro. A Javier Arias deulle tempo a impartir un curso verbo de Anton Webern, “moi intenso”, e mais a producir dúas pezas en 1996, O abrazo e A sombra contra o muro. Fala outra volta marabillas do Departamento: “Sóubose dispor das capacidades para suscitar movemento, creatividade, con xente de fóra do Estado”.

A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 121, xuño de 2007)


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: