Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Campaña da Mesa pola Normalización Lingüística

'Que mellorarías da túa cidade con medio millón de euros?'

A organización denuncia "o malgasto do diñeiro público no litixio municipal polo topónimo", que custou "6.000 euros ao mes dende 2004".

Redacción - 19:00 19/05/2007

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este sábado na Coruña unha campaña de información sobre "o malgasto do diñeiro público no litixio municipal polo topónimo", que leva por lema Que mellorarías da túa cidade con medio millón de euros?, unha cantidade coa que, consideran, se podería aumentar a calidade de vida de todos os cidadáns.

"A fobia de Francisco Vázquez e de Xavier Losada (ex alcalde e alcalde coruñeses) contra o galego custou, desde 2004, 6.000 euros ao mes dos orzamentos municipais para pagar bufetes madrileños de avogados e procuradores", sinalou Carlos Callón, presidente da Mesa.

Segundo os cálculos da organización, o litixio da alcaldía coruñesa contra a denominación oficial da cidade provocou, en gastos xudiciais, un "dispendio de medio millón de euros". Ademais, afirman que case a metade destes cartos foi desembolsada nos últimos tres anos.

Recursos a sentenzas firmes

"Primeiro Francisco Vázquez e despois Javier Losada negáronse a cumprir a lexislación e as sentenzas firmes das máis altas instancias", afirman, e engaden que mantiveron litixios abertos pola cuestión do topónimo co Ministerio de Administracións Públicas, a Xunta, a Agrupación Cultural O Facho, o Movemento polos Dereitos Civís e A Mesa pola Normalización Lingüística. "O Concello nunca gañou nin unha sentenza, mais seguiu presentando eternos recursos, unha e outra vez, co diñeiro de todas e todos", conclúen.

A organización considera que "a todo isto habería que sumar unha cifra moi superior, derivada de destinar corpos de seguranza exclusivamente á custodia do L floral durante varios anos, as ordes da alcaldía para cambiar a documentación ou os sinais que estivesen co topónimo oficial", entre outras cousas.

Por último, Carlos Callón dixo que a campaña vai contar co soporte de 120.000 folletos, que se difundirán masivamente nos vindeiros días, "para que aos coruñeses e ás coruñesas non se lles escamotee información antes de exerceren o seu dereito ao voto".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: