Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
TOPONIMIA

E o PP agora tamén lle dá a Vázquez co L no fociño

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e mais o conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, deixaron novamente en evidencia o alcalde da Coruña ao contradicir as dúas declaracións sobre a reforma da lei de Normalización. Vázquez afirmara que os socialistas galegos estarían dispostos a apoiar unha modificación que lles permitise aos concellos fixar a toponimia local, pero Fraga declara agora que isto non se levou a cabo precisamente porque Vázquez lle dixera que non podía recadar ese apoio. Pita, ademais, insiste en que o alcalde coruñés debe cumprir a lei "coma o resto".

- 09:08 16/04/2005
Tags:

O presidente da Xunta , Manuel Fraga, asegurou agora que o goberno non vai modificar a lei de Normalización lingüística por falta de apoio do PSdeG-PSOE. Fraga pecha así a polémica e nega de paso as declaracións de Francisco Vázquez, que asegurara hai uns días que contaba co apoio dos socialistas galegos para que polo menos se abstivesen nunha hipotética votación no Parlamento. Fraga aproveitou esta polémica para deixar en evidencia o alcalde, e encirrou a cuestión botándolle a culpa da indefinición dos socialistas aos pactos co BNG.

O alcalde da Coruña amosara a súa sorpresa polo recurso presentado pola Xunta contra o acordo plenario do concello onde se aprobou a cooficialidade dos dous topónimos da cidade. Vázquez insistiu en que o acordo coruñés segue vixente porque "está apoiado pola lexislación", malia a sentenza contraria dun xuíz do contencioso administrativo, que o anula expresamente.

Pola súa banda, o conselleiro da Presidencia da Xunta, Xaime Pita, lembroulle a Francisco Vázquez, que a Lei de Normalización Lingüística "como todas as demais leis en vigor, son de obrigado cumprimento" e que "non admite excepcións unilaterais. Xaime Pita lamenta que o alcalde recorra a asuntos como o do topónimo para "tentar desviar a atención sobre os problemas reais que preocupan os coruñeses", e que nas últimas semanas "non deixan de medrar".


Ligazóns

0/5 (0 votos)