O galardoado no certame organizado polo Concello de Carballo propón un achegamento entre as principais bolsas de falantes: o mundo da cultura e a clase obreira.
Miguel Mosqueira, gañador do premio / Foto: Sono-tone.net
Miguel Mosqueira Fociños, estudante de terceiro ciclo na Universidade de Santiago e cantante do grupo musical Ataque Escampe, acadou o premio a artigos xornalísticos normalizadores que concede o Concello de Carballo.
No seu traballo, titulado Obreiras, tolos, escolares, poetas. A lingua galega nas cidades, Mosqueira expresa a necesidade de avanzar na normalización da lingua vencellando os dous principais grupos de falantes: a clase obreira e a xente do ámbito cultural, apenas relacionados entre si.
Vieiros: No artigo fálase da necesidade de interconectar os dous grupos sociais onde o galego é a lingua predominante: as clases populares, por unha banda, e o mundo da cultura, por outro. Como se podería acadar este obxectivo?
Miguel Mosqueira: O artigo non dá unha solución clara. Todo depende do contexto onde se traballe. A idea de fondo é a formación de redes asociativas e de promover actividades culturais en zonas diferentes das habituais. O traballo de dinamización lingüística ten que partir da base de que os dous sectores están moi pouco comunicados aínda que teñan características comúns.
V: Os departamentos de Normalización Lingüística están a ter en conta esta liña de actuación?
M. M.: Non sei o que fan noutros sitios, pero non está moi implantada. Supoño que ultimamente os concellos están a ter máis presupostos para os seus departamentos de Normalización Lingüística e sería un bo campo para investir en programación cultural. Que non se quede nos museos e nas bibliotecas, senón tamén que saia á rúa. Hai que coordinar as actividades coas asociacións veciñais.
V: O que expón no seu artigo é, dalgún xeito, o que fan dende o grupo do que forma parte, Ataque Escampe.
M. M.: O grupo tamén une o obxectivo popular e mais o literario, de achegamento entre os dous mundos. Somos un grupo con preocupación literaria que ve compatíbel facer unhas letras de calidade e tamén achegarse á xente. No meu artigo fálase de xente e grupos que o fixeron, como os casos d'Os Resentidos, Mareas Vivas, Quico Cadaval...
O xurado da terceira edición do premio escolleu de entre 33 obras candidatas o traballo de Mosqueira, que levará 1.000 euros e verá publicado o artigo en diversas publicacións, entre elas Vieiros. O segundo premio dotado con 350 euros e a edición nos mesmos xornais, correspondeulle a Guía da sociolingüística sexual, de Séchu Sende, mentres que Xabier Cid obtivo un accésit por Rariño seralo ti.
Os premios entregaranse o Día das Letras na Praza do Concello de Carballo. Ao día seguinte publicarase o artigo gañador do segundo premio, e o 19 de maio o de Miguel Mosqueira.