A profesora de ensino medio Ana Rodríguez Barreiro resultou vencedora da segunda edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca o Concello de Carballo e que conta coa colaboración de Vieiros, entre outros medios. No texto de Ana Barreiro analízase a transmisión interxeracional da lingua. O segundo premio foi para o xornalista e filólogo Ramón Vilar Landeira. Serán publicados por Vieiros o 20 de maio.
O Concello de Carballo organizou este ano na súa segunda edición o premio de artigos xornalísticos normalizadores, que galardoa as propostas inéditas que, dentro do xénero do artigo periodístico, aborden o proceso de promoción e difusión social da lingua. Neste 2006 os gañadores foron a profesora de medias luguesa Ana Barreiro e o xornalista cedeirés Ramón Vilar.
A profesora luguesa Ana Rodríguez Barreiro (1978) concursaba con 'Sinfonía en galego maior', onde analizaba a transmisión interxeracional da lingua e onde fai un chamamento ao uso do galego como lingua do país. O xurado, que a escolleu por unanimidade, valorou no seu artigo a calidade e sonoridade da escrita. Ramón Vilar (1973) é de Cerceda e licenciado en Filoloxía Galega e xornalista. Foi colaborador habitual da edición Carballo de La Voz de Galicia, e na actualidade traballa como redactor en El Faro de Vigo. O seu artigo, 'Un idioma na cetaria' analiza o problema da diglosia.
O primeiro premio está dotado con 900 euros en metálico e a o segundo con 300. Ademais, os artigos publicaranse o día 20 de maio en todos os medios colaboradores, entre eles Vieiros. O xurado estivo composto polo lingüista Xosé Ramón Freixeiro Mato, a secretaria xeral da AELG Mercedes Queixas e pola dinamizadora sociolingüística Olga Patiño, vencedora na primeira edición. Os premios entregaranse o 18 de maio no transcurso dunha meda redonda sobre os medios de comunicación escrita en galego, na que participará o editor de Vieiros, Lois Rodríguez, así como Xavier Cea (Galicia Hoxe), Guillerme Rodríguez (A Peneira) e Belén Puñal (Tempos Novos). Todos estes son membros da AME, a Asociación de Medios Escritos en Galego.