Logo da declaración unilateral en febreiro de 2008 por parte dos albano-cosovares, Serbia levou o caso ao Alto Tribunal da ONU.
A Corte Internacional de Xustiza (CIX) vaise pronunciar esta quinta feira pola tarde sobre a legalidade da declaración de independencia de Kosovo, moito antes do prazo previsto, segundo informan medios da rexión dos Balcáns.
Logo da declaración unilateral en febreiro de 2008 por parte dos albano-cosovares, Serbia -radicalmente oposta á decisión- levou o caso á CIX. O proceso desenvolveuse entre o 1 e o 11 de decembro de 2009, mais será esta quinta cando se dea a coñecer a opinión non vinculante.
Tanto o goberno serbio como o de Kosovo cren que o Alto Tribunal da ONU amparará os seus respectivos intereses. O presidente cosovar, Fatmir Sejdiu, cre que "se abrirán novos procesos nesta importante historia, que foi un proxecto conxunto coa comunidade internacional".
Ademais, o seu primeiro ministro, Hashim Thaci, de visita nos EUA recibiu de novo o apoio incondicional da Casa Branca, que prometeu apoiar o ingreso do país balcánico na Unión Europea e na OTAN.
Pola súa banda, o presidente de Serbia, Boris Tadic, afirmou que "de se estabelecer un novo principio, abriríase un proceso de creación de novos estados por todo o mundo, desestabilizando moitas rexións". Kosovo xa foi recoñecido por 69 estados. Entre estes non está o español.
Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.