Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Antonio Perozo

Relixión versus laicismo

13:20 07/06/2008

Os bispos galegos veñen de sumarse á campaña da Conferencia Episcopal contra a materia de “Educación para a Cidadanía”. A cruzada contra o laicismo por parte desta Igrexa retrógrada e integrista non ten límites e, mesmo, nin sentido, porque nin esa materia educativa vai contra a relixión ni é expresamente laicista. Están a conseguir, iso si, que moitos cidadáns miren o laicismo como unha fiestra de liberdade.

No decurso da pasada campaña electoral avivouse a polémica ó redor da confesionalidade relixiosa ou non do Estado, e o concepto de laicismo saltou ó primeiro plano da actualidade entrando con forza no pensamento da sociedade e de individuos que, en moitos dos casos, nunca sentiran ningún tipo de preocupación por esta cuestión.

Se partimos da definición clásica e básica de que “o laicismo é unha doutrina que defende a independencia do home ou da sociedade, e máis particularmente do Estado, de toda influencia eclesiástica ou relixión”, como determina o propio dicionario da RAE -cunha clara dependencia conceptual dos canons relixiosos-, veremos que a confusión en torno ó concepto é ampla e antiga. En primeiro lugar hai que ter en conta que o laicismo non se pode considerar unha doutrina, é unha elemental actitude individual ou colectiva ante as prácticas relixiosas de toda confesión.

Desde esta perspectiva, é bo que consideremos o laicismo como unha opción pura de liberdade de conciencia, que non necesariamente representa unha actitude antirrelixiosa. Considerar que a organización da sociedade, sexa a que sexa a súa orientación administrativa ou política, debe ser laica supón un avance no territorio da tolerancia. Quizais por iso o laicismo pasou a ser unha bandeira progresista nos tempos modernos. Porén, a polémica está xerando confusións neste sentido e propiciando posicións encontradas entre os laicistas e aqueles que ou ben defenden o Estado confesional extremo, ou ben defenden as prácticas relixiosas públicas simplemente. Algo de todo punto anacrónico e desmesurado.

Opción individual
O laicismo como opción individual non admite discusión. O laicismo como definición do Estado si pode admitila, tanto por razóns históricas como por estratexias de poder. Aí a liberdade de opinión é libre. Pero se partimos da base de que o Estado debe ser neutral fronte ás prácticas relixiosas, a laicidade é a posición institucional máis adecuada para evitar nepotismos e desigualdades. Ó mesmo tempo, un Estado laico non implica a configuración dun Estado antirrelixioso, polo contrario a súa independencia debe garantir a igualdade de trato a todas as confesións que convivan no seu territorio, do mesmo modo que o fai con outro tipo de organizacións políticas, sindicais, culturais, etc. Polo tanto, resulta difícil aceptar un Estado confesional nestes tempos, facendo a valoración desde o dereito á liberdade de conciencia de todos os individuos.

Debemos entender que o laicismo non é sinónimo de exclusión. Todo o contrario, é símbolo de tolerancia e convivencia. Se nos achegamos á polémica xerada en España, veremos que non son precisamente os laicistas os máis belixerantes, senón aqueles que durante séculos detentaron e abusaron do poder confesional baixo o paraugas do Estado confesional. Coa Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa de 1980 na man, veremos que no seu artigo 16 consagra a liberdade de conciencia para todos os españois. Porén, esta lei é probable que quedase obsoleta en moitos aspectos e resulte necesario, case tres décadas despois de ser promulgada, unha revisión acorde cos novos tempos e as novas realidades que, especialmente por causa da inmigración, veñen xerándose no noso territorio en materia relixiosa.

Fronte ós que esgrimen dereitos arraigados na tradición, hoxe non é aceptable que o Estado español manteña un Concordato coa Igrexa católica de Roma, que consagra privilexios extemporáneos para os católicos en detrimento doutras confesións. É probable que xa non sexa equitativo que a Igrexa católica española reciba máis de catro mil millóns de euros do Estado fronte ós menos de cinco mil que se distribúen ó resto das crenzas. Non é socialmente xusto que en España só a Igrexa católica estea exenta de impostos e manteña unha absoluta opacidade administrativa. Cuestións como estas son as bases sobre as que se xerou o debate político e social, que ten o laicismo como principal abandeirado. Paradoxalmente, é bo que así sexa, porque do contrario estariamos a un paso de caer no anticlericalismo, de tan nefastas consecuencias.

En definitiva, a sociedade debe ser política e administrativamente laica para que os individuos poidan ser realmente libres en materia de conciencia e crenzas. E, ademais, que a convivencia se cimente sobre a tolerancia que o laicismo debe propugnar como antídoto contra os integrismos e as administracións públicas confesionais encubertas.

3,62/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Perozo

Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »



Anteriores...