Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Antonio Perozo

Programa electoral socialista

12:15 21/02/2008

Os programas electorais son uns tochos que nunca baixan das trescentas páxinas, polo menos os que elabora a xente de esquerda que é moi dada a pensar, soñar e deseñar plans de futuro. Xa sabemos que na esquerda abundan os fundadores de revistas culturais e os novelistas. Agora estou a revisar o do PSOE para esta campaña e paga a pena a súa lectura.

É evidente que José Luís Rodríguez Zapatero se presenta ante o electorado co ánimo renovado e o espírito incansable contra o que todos opinaban hai catro anos. O seu talante segue a ser a arma que volve utilizar contra a intransixencia dos discípulos de Aznar e o poder político, mediático e económico das FAES. Ninguén diría que ía chegar ata aquí pero conseguiuno tendo como escudeiro a Pepe Blanco. Ninguén daba nada por estas dúas figuras cervantinas pero, miren, volven ser cabeza de cartel, volven probar sorte.

No programa, se gañan, os socialistas prometen reactivar a investigación do 11-M para demostrar dunha vez por todas que o PP mentiu hai catro anos, seguiu mentido despois e esforzouse ata o convencemento coa teoría de que ETA é a verdadeira culpable daquela masacre atroz de Atocha. Os socialistas, en defensa das vítimas e da verdade, prometen unha investigación seria, rigorosa e exemplar. Tamén prometen máis policías contra o terrorismo, recuperando os postos que o PP foi amortizando nestas lexislaturas, e establecer as canles necesarias para rematar con esta lacra, que os populares seguen a utilizar electoralmente.

Grandes cuestións
No ámbito das grandes cuestións, os socialistas propoñen unha reforma urxente do Tribunal Constitucional, totalmente tomado polas forzas de dereita onde o Ministro de Xustiza ten máis mando e poder que o propio presidente do tribunal e son ben coñecidas as inxerencias do Fiscal Superior, señor Cardenal, en todas as decisións que poidan prexudicar as directrices de Moncloa ou as que se toman na rúa Génova por mandato directo do ex-presidente Aznar.

En política internacional, o PSOE propón volver ó rego de Europa, retirar as tropas das guerras ilegais e, como se dá por suposta a derrota dos Republicanos en EE.UU., emprender unhas relacións absolutamente diferentes ás mantidas ata o de agora de servilismo ós intereses de George Bush e a súa familia, en beneficio dos negocios particulares do ex-presidente Aznar.

Nos aspectos que máis chegan á sociedade, os socialistas prometen subir o salario mínimo ós 800 €, loitar contra a corrupción urbanística, promover as vivendas de protección oficial, o matrimonio para os homosexuais, crear unha Lei de Igualdade, unha Lei de Dependencia, establecer un diálogo construtivo con todas as Comunidades Autónomas dentro do respecto ós nacionalismos e ás diferentes culturas do Estado. Levar o galego, o catalán e o éuscaro polo mundo da man do Instituto Cervantes, propiciando a creación de institutos propios para estas linguas. Prometen unha educación máis eficaz no ensino público sen abandonar os concertos con outros sectores. Aumentar os orzamentos universitarios e fomentar as bolsas restrinxidas polos populares. Falan de buscar o consenso nas Leis de Educación ó que o PP se nega sistematicamente sempre o servizo da Igrexa máis reaccionaria e loitar pola integración dos inmigrantes.

Nos aspectos políticos de segunda orde, os socialistas prometen revisar as concesións de medios feitas polo PP, como a televisión para Federico Jiménez Losantos e a dos bispos. Falan de prohibir os actos fascistas multitudinarios tolerados polo PP en El Valle de los Caídos. E está claro, aínda que no programa non aparece, que o cesamento de Alfredo Urdaci como Director Xeral de RTVE, e incansable presentador dos telediarios, será fulminante.

Afortunadamente o PP non gañou as pasadas eleccións e este programa xa non foi necesario escribilo, pero vendo as propostas que nos lanza Mariano non queda máis remedio que pensar dúas veces no que acontecería se gañase daquela.

1,58/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Perozo

Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »



Anteriores...