Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Antonio Perozo

A escola de Antistenes

19:15 07/12/2007

Eu teño o convencemento de que os discípulos de Antistenes están inmersos no tecido da historia da nosa civilización dun xeito tan arraigado que a sociedade non só os tolera senón que mesmo os admira e aplaude. Do contrario resultaría imposible que o PP tivese o máis mínimo crédito político a estas alturas.

Tras o nacemento, fulgor e morte da UCD, moitos pensamos que neste país era posible contar cunha dereita de altura, democrática e tolerante. Unha dereita que renunciase ás obras e pompas da fenecida ditadura franquista, da que gran parte dela era herdeira e beneficiaria directa. Tiñamos a esperanza de que as dúas Españas machadianas se borrasen do mapa para falar dunha España federal, tolerante, capaz de facer convivir nacionalismos con centralismos nun momento no que a construción da nova Europa pedía unha concepción moderna da convivencia. Trinta e cinco anos despois seguimos aturando unha dereita decimonónica, obscenamente intolerante e facendo gala permanentemente de pertencer á vella escola grega de Antitenes.

Cando, por exemplo, escoitamos falar a Núñez Feijóo de baixar os impostos municipais, como fixo hai uns días para abrir a campaña electoral das Xerais, e comprobamos que volven coas mesmas propostas das Municipais que non cumpriron nin pensan cumprir os seus alcaldes, os cidadáns preguntámonos se esta dereita do PP considera a cidadanía falta de raciocinio ou falta de memoria.

Cando, por exemplo, vemos a Zaplana presentar un libro sobre a súa excelsa figura, que subtitula “el brazo incorrupto del PP”, preguntámonos se a dobre linguaxe deste señor é só produto da súa personalidade ou é algo máis fondo, máis da esencia do partido que dirixe.

Cando, por exemplo, vemos as patéticas expresións de Ángel Acebes acusando de mentireiros os membros do Goberno non podemos apartar de nós a súa imaxe nos días que seguiron á traxedia do 11-M e dubidamos entre pensar que perdeu a razón ou que a súa razón nada ten que ver co sentido común.

Cando, por exemplo, volvemos escoitar a Mariano Raxoi, un líder débil, incapaz de poñer orde na súa tropa, dicir que estes case que catro anos de oposición serviron para amosar que está preparado para gobernar, temos a certeza de que a autocrítica é un concepto inexistente na dereita que representa.

Cando, por exemplo,... .... non sigo.

Diante destes e outros miles de exemplos relacionados co xeito de tratar os asuntos públicos por parte dunha gran maioría de membros cualificados do PP, xa sexan de economía, terrorismo, cultura, educación ou simplemente do posible problema dunha beirarrúa, non hai dúbida de que estudaron os fundamentos da escola de Antistenes e actúan como os seus discípulos máis avanzados: predicando todo o contrario do que fan, acusando os demais dos seus propios defectos, mentindo sen pudor, fachendeando do que non teñen... Nun xogo de dobre moral que pode semellar relixioso pero que en realidade non é outra cousa que cinismo. Estou seguro de que mestres desta escola, como Maquiavelo ou o cardeal Mazarinos, estarían encantados de vivir neste tempo e militar no PP. O lamentable é que non avancemos na procura dunha dereita necesaria, equilibradora, tolerante, democrática... Unha dereita moderna que contribúa a facer autonomía, país, Estado, Europa...

3/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Perozo

Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »



Anteriores...