Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Os gobernos e a crise

09:30 04/04/2009

Nestes días saberemos se a reunión do G-20 de Londres foi algo máis alá que as declaracións de intencións do pasado cumio de Washington, como esixe o presidente francés, Sarkozy, e dera lugar a acordos que supoñan medidas concretas, ¡ veremos qué alcance teñen!

O goberno francés e alemán poñen o énfasis na regulación dos mercados financeiros e eliminación dos paraísos fiscais, aspecto este último sobre o que incide o goberno español, a pesar de que como denunciou Francisco de la Torre, voceiro de Inspectores de Facenda do Estado, en España castígase con levidade aos contribuíntes pillados "in fraganti" como no escándalo das contas secretas en Liechtenstein (El País, 2/04/09).

EE.UU e Gran Bretaña,propoñen gastar máis (EE.UU gastou 660.000 millóns de dólares, o 5% do PIB) e recortar algúns impostos como medidas para recuperar o emprego. Como noutras ocasións, goberne o partido que goberne, adoita haber uns intereses diferentes entre estes dous países e o que poderiamos denominar a "Europa continental". Haberá que ver que din outras voces como Brasil e outros países emerxentes.

Responsabilidade dos gobernos na crise
¿Teñen algunhas responsabilidade os gobernos na actual crise?. O, ¿trátase só de arranxar o que outros han escoura?. Nunha claro e didáctico documento (non é necesario ter coñecementos de economía) que leva por título "A crise financeira. Guía para entendela e explicala", de Juan Torres López e Alberto Garzón Espiñenta, publicada por %ATTAC (pódese baixar de Internet), explican os tres procedementos que se utilizaron na construción deste sistema financeiro: 1. - Popularizando modelos teóricos por economistas moi ben pagados polos especuladores; 2. - Bancos e empresas de cualificación de riscos ocultando deliberadamente a realidade do risco e, 3.- O silencio das autoridades. Por complicidade ou supeditación ante o poder real dos financeiros.

Non vai ser factible que os gobernos de seu, sen a presión dos cidadáns, adopten as medidas necesarias- algunhas si, dende logo, pero moitas outras non-. Neste documento citado enuméranse unha serie de medidas, dende o establecemento de impostos internacionais, reforma do sector bancario, taxa Tobin, institucións democrática internacionais..., en definitiva, outra economía, outros valores, e o poder noutras mans.

As medidas do PP fronte á crise

Pero, ¿que di o PP sobre a crise e as medidas a adoptar?, ¿que propón?. A mi entender, escoitando o Sr. Rajoy, nada. Simplemente di que o resolverá.  Se escoitamos  a outros dirixentes como ao Sr. Montoro, xa nos clarifica algo máis, cando afirma que adoptarán as mesmas medidas que tomaron cando gañou as eleccións o Sr. Aznar, no ano 96 e que posibilitou a creación de emprego: redución de impostos. Unha boa parte da creación de emprego prodúcese co auxe da construción durante os anos dos gobernos de Aznar e ata a crise, é dicir, coa especulación inmobiliaria que é un dos factores que globalmente ten que ver coa crise e localmente colócanos nunha situación máis crítica que outros países.

A redución de impostos durante ese período fixo que España - malia  ser unha época de bonanza económica- disminuíse o gasto social (protección social) en termos de % do PIB e a distancia co gasto social dos países da UE-15 se agrandase (tal como puxo de manifesto en diversos estudios Vicent Navarro). Ademais, ingresamos menos diñeiro (34%) que os países europeos que ingresan da renda xerada cada ano (PIB) entre o 40% e 60%. A maiores, España dedica un % menor a gasto social que os seus veciños (un 59,4% fronte ao 68,7% de media da UE).

O que non din é que a redución de impostos traerá recortes sociais. O que promoven e non din é que os individuos se protexan a se mesmos a través de seguros privados e se non poden que acudan á caridade. Non queren que se endebede o Estado, salvo que haxa que facelo no futuro para inxectar diñeiro á Banca pero non para cubrir as necesidades básicas dos cidadáns e manter os servizos e prestacións de protección social. O obxectivo é, como sinalou o sociólogo Ziegler no "Imperio da Vergoña", respecto das políticas neoliberais, asegurar, ás grandes corporacións e non tan grandes, unhas marxes de beneficios o máis elevados posibles.

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións