Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A VIDA ENCARÉCESE UN 2%

Entra en vigor a suba do IVE

As organizacións de consumidores alertan de que este incremento até o 18% terá unha repercusión de 290 euros por fogar.

Redacción - 11:05 01/07/2010
O tipo xeral do IVE pasa do 16 ao 18%, gravando dúas décimas máis o consumo

O tipo xeral do IVE pasa do 16 ao 18%, gravando dúas décimas máis o consumo

Este xoves primeiro de xullo entrou en vigor a suba de dous puntos do IVE aprobada polo goberno español. Das facturas e recibos desaparecerá o clásico 16% e no seu lugar aparece un novo tipo do 18%, o máis elevado dende que se introducise este imposto indirecto en 1986 que grava directamente o consumo, independentemente das condicións de quen consuma.

Cal é a suba exacta?
O novo tributo pasa do 16 ao 18% no tipo xeral, é dicir, aquel que se aplica a todos aqueles bens ou operacións para os que non está previsto outro tipo impositivo. Porén, pasa do 7 ao 8% no Tipo Reducido, é dicir, aquel que se aplica á compra de todos os alimentos (agás os básicos), as vivendas, o transporte, a hostalaría, a asistencia social ou sanitaria ou os servizos culturais e de espectáculos. E finalmente o Tipo Superreducido quedará no 4%, aquel que grava o consumo de alimentos básicos como o pan, a froita ou os ovos, así como os libros, o material escolar, os medicamentos ou as vivendas de protección oficial.

Reaccións en contra
O goberno español pon en marcha esta medida para “dar unha resposta a unha situación económica complicada” e anuncia que terá un carácter transitorio, xa que o que procura é “asegurar que os custes do axuste se repartan entre todos os cidadáns”. Porén, as voces que apuntan a que a decisión será contraproducente son moitas e alertan sobre as consecuencias que terá sobre o consumo.

Partidos da oposición, patronal e consumidores discrepan, por uns ou outros motivos, da decisión. Ao tempo que algunhas grandes compañías (Zara, Ikea, Eroski, Mercadona, Carrefour ou Caprabo) xa anunciaron que non subirán os prezos para evitar un maior prexuízo sobre o consumo, os sindicatos lamentan que se aplique o incremento impositivo precisamente neste tributo indirecto.

Asemade, a Organización de Profesionais e Autónomos de Galiza (OPA) asegura que esta suba “repercutirá directamente no volume de negocio do autónomo e minorará os seus ingresos”. Subliñan que serán un dos colectivos máis afectados, xa que non poden transferir o incremento do imposto aos seus servizos e, non obstante, terán que afrontar o aumento nas materias primas dos provedores.

Denuncia ante calquera suba inxustificada
A Unión de Consumidores de Galiza, pola súa parte, avisan de que a alza dos prezos pola suba do IVE deben ser “proporcionais” e que este incremento non debe afectar ao custo final do produto máis do estabelecido. Aseguran que será necesario “vixiar as prácticas pouco éticas” que poden producirse ao abeiro desta suba impositiva e recomenda aos consumidores a denuncia ante calquera suba inxustificada dos prezos.

Outras organizacións como a OCU xa calcularon que esta suba terá unha repercusión de preto de 290 euros por cada fogar. Ao tempo, este xoves inícianse tamén as rebaixas, outro período ante o que estes colectivos recomendan precaución: unha vez máis lembran aos consumidores que “as condicións de venda en rebaixas teñen que ser iguais ás do resto do ano, a excepción do prezo que, por obriga, terá que ser inferior.


3/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: