 
 
O BNG reclama no Parlamento que o Goberno "garanta os seus usos civís e que sexa de titularidade pública".
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) realizará o vindeiro 15 de xullo "un cortexo cívico e reivindicativo" en recordo do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro e para que se garanta o acceso ao Panteón dos Galegos Ilustres. 
  A AELG asegura nun comunicado que o Arcebispado de Santiago de Compostela ten a "intención" de pechar o Panteón despois do litixio que lle outorga a titularidade do mesmo. 
  Dentro das actividades organizadas, un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, á beira da casa de Rosalía, en Padrón, o xoves 15 de xullo ás 16,30 horas, para facer o traxecto deica Compostela. 
  Previamente, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido destes actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro. 
  Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara á praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos, e continuará pola praza da Universidade e pola praza de Cervantes, onde se lerán outros textos de Rosalía. 
  Finalmente, en San Domingos de Bonaval haberá unha audición do Angelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións de diversos grupos musicais e artistas participantes, para concluír o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía. 
  A lectura do texto recordará o 125º aniversario da morte da poeta e á vez reivindicará que se garanta o acceso ao Panteón de Galegos Ilustres. Ao respecto, a deputada do BNG Ana Pontón reclamou no Parlamento que o Goberno "garanta os seus usos civís e que sexa de titularidade pública".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto