Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE

O goberno español admite que a reforma laboral non vai ser a panacea

O ministro Xosé Blanco considera que vai axudar a crear emprego máis estábel e sinala que a reforma de pensións é o seguinte paso.

Redacción - 11:16 22/06/2010

A reforma laboral proposta polo goberno español “non será suficiente para resolver todos os problemas de emprego pero vai achanzar o camiño”. Quen así fala non é outro que o ministro de Fomento, Xosé Blanco. O político de Palas de Rei, en declaracións a Europa Press, sinalou que agora é o momento de que os grupos parlamentarios fagan achegas durante a discusión na Cámara.

Aínda que Blanco sostén que a laboral é a reforma “máis importante” das que quere poñer en marcha o executivo estatal non é a única a aprobar este ano. O ministro fixo fincapé en que “estamos decididos a reformar o noso sistema de pensións, porque consideramos que é unha conquista social irrenunciábel manter un sistema público que garanta unha renda ás persoas que accedan á xubilación”.

Con estas palabras, o titular de Fomento deixa entrever que para o goberno español o actual sistema de pensión é insostíbel a medio prazo. Así, Blanco posicíonase por “un debate sereno e rigoroso”. Na gaveta dos de Rodríguez Zapatero está gardada a folla de ruta: ampliación da idade mínima de xubilación (de 65 a 67 anos) e aumento do número de anos cotizados necesarios para cobrar (de 15 a 20).

Segundo as estimacións do goberno español, no Estado haberá máis de dez millóns de pensionistas en 2020 (fronte aos 8,6 da actualidade) e 12,5 millóns en 2030. Precisamente o aumento da idade mínima podería conter, por razóns obvias, esta suba no número de xubilados.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: