Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREPARATIVOS DO PARO

A CIG partidaria de que a folga xeral se fixe para este mes

Comisións Obreiras e UXT aínda non teñen claro se adiar a convocatoria para xullo ou mesmo setembro.

Redacción - 13:46 14/06/2010

A Executiva da Confederación Intersindical Galega (CIG) reunirase este martes para marcar o seu posicionamento oficial sobre a folga xeral. Porén, no seo do sindicato nacionalista hai unha predisposición plena a empregar esta arma de presión contra o goberno español. De feito, dende a CIG levan argumentando dende hai tempo que hai razóns de peso para unha convocatoria deste tipo.

Con Comisións Obreiras e UXT decididas xa a saír á rúa, a única incógnita reside no calendario. Mentres que para a central nacionalista o idóneo é convocar a folga a finais deste mesmo mes, dentro dos sindicatos de carácter estatal non hai unanimidade de criterio e incluso non descartan adiar o paro a principios de xullo ou mesmo a setembro, cando están previstas a nivel europeo mobilizacións de sindicatos. En principio, a data quedaría marcada este mesmo mércores.

As forzas sindicais consideran inasumíbel a reforma laboral que o goberno español vai sacar adiante esta mesma semana. A razón principal radica no abaratamento do despedimento que, segundo as organizacións, é un paso atrás evindente nos dereitos conseguidos polos traballadores.

(13.46 horas)
As dúas principais centrais sindicais do Estado Español (CC.OO e UXT) van dar a coñecer nas vindeiras horas o día elixido para unha folga xeral, que será a primeira destas características dende 2002. Os delegados de Comisións Obreiras xa deron luz verde á convocatoria e os de UXT darán a coñecer a súas postura ao longo desta xornada, aínda que é máis que previsíbel un resultado igual.

A data elixida é o único dilema que resta por saber. Algunhas fontes sindicais sinalan que pode que non teña lugar este mesmo mes xa que unha convocatoria deste tipo precisa un tempo de mobilización das propias bases. Os sindicatos consideran inasumíbel o abaratamento dos despedimentos que vai aprobar esta semana o executivo de Rodríguez Zapatero.

No caso do noso país, tamén se agarda que CIG (a central con máis afiliación) se sume ao paro xeral. De feito, o sindicato nacionalista xa ten criticado abertamente a CC.OO e UXT por non ter empregado esta arma en resposta a unha crise económica que considera que están a pagar as clases traballadoras.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: