Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Vertido nunha canteira do lugar de Brea

Haberá investigación penal polo agocho en Carballo de escouras canceríxenas

Verdegaia felicita que o xuíz confirme indicios de prevaricación no caso dos refugallos producidos por Ferroatlántica en Cee.

Redacción - 10:00 09/06/2010
Unha das lagoas da canteira coas augas afectadas polo amoreamento do refugallo contaminante

Unha das lagoas da canteira coas augas afectadas polo amoreamento do refugallo contaminante

Logo do grave caso de contaminación do marisco detectado na ría de Corcubión en 2004, e que impediu extraer moluscos durante anos, a factoría de Ferroatlántica, con sede en Cee e propiedade do grupo Villar Mir, reconduce máis de 20 mil toneladas de refugallo tóxico a unha canteira de seixo no lugar de Brea, en Carballo.

Tal e como lles temos contado anteriormente, a operación é realizada de xeito concreto pola empresa Desguaces Lema, que durante sete meses amorea os contidos contaminantes froito das viaxes de dous milleiros de camións no monte e lagoa desta mina. "O escuro episodio dun suposto xestor de residuos que fixo o traballo sucio con total desprezo á lei", denuncian os ecoloxistas, recordando que o acontecido está documentado en expedientes da Xunta, o Seprona, Augas de Galicia e o Concello de Carballo.

Segundo comunica esta semana o colectivo ecoloxista Verdegaia, o xulgado de instrución nº3 de Compostela dálle adiante ás dilixencias previas do expediente relacionado con esta vertedura. Alén do delito ecolóxico, no auto, o xuíz admite ademais os indicios de prevaricación por parte de Joaquín Buergo del Río, daquela director xeral de Calidade Ambiental. O ex alto cargo fora denunciado pola veciñanza por un informe que en 2008 facilitou o sobresemento da causa por delito ambiental que se levaba a cabo nos xulgados de Carballo. Lembrámoslles a preocupación social na zona polas afeccións que puidesen acontecer nos mananciais próximos, as dúas piscifactorías de troita do concello, a flora e fauna silvestre, o gando e a propia saúde das persoas do lugar.

Indicios "claros" de prevaricación
O xuíz advirte agora a "falta de realidade" na información achegada polo director xeral ao trasladar datos "que non só non se corresponden, senón que mesmo se contradín e ocultan os datos dos que dispuña ... silenciando o incumprimento de resolucións da administración ou obstaculizando, ao tempo, a actuación da devandita administración...".

O auto asume tamén os indicios de delito ecolóxico e abre dilixencias para a súa investigación, incorporando as achegas pola parte denunciante e as do fiscal do ambiente, Álvaro García Ortiz. O colectivo Verdegaia fornecera a fiscalía cun detallado informe en denuncia do caso, con indagacións e probas concretas, no mes de decembro pasado. Segundo subliña o auto do xuíz compostelán, a responsabilidade penal neste presunto delito ecolóxico "cabe extendela, non só aos causantes ou titulares da fonte de contaminación, senón mesmo aos administradores públicos...".


Ligazóns

4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: