Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Revista Viralatas

"Interésanos tanto ou máis Nano 4814 que Banksy"

Conversamos cos creadores da revista Viralatas, innovador magazine en galego que pode atoparse en ducias de locais do país. Vídeo no interior.

R.Noguerol / Isabel G.Couso - 09:30 30/05/2010
Tags: Viralatas

Unha revista de tendencias, unha proposta moderna, un proxecto que cubrise un oco que en Galiza non se estaba atendendo. Xerar contidos desde aquí e en galego coa convicción de que a xente nova ten en Galiza preocupacións parecidas ás que pode ter a mocidade doutras xeografías. Así o explican para Vieiros a galega Vinyet Castro-Gil e o vasco Txema Mora, encargados da dirección e coordinación da revista Viralatas, un refacho de frescura na escena editorial do país.

Nun país cada vez máis urbano cómpren proxectos "modernos" e que fuxan "dos topicazos", analizan. "Pódese falar en galego de calquera cousa, de Ben Harper ou de Charlotte Gainsbourg", comenta Vinyet ao fío precisamente do último número da publicación, que inclúe unha entrevista coa cantante francesa que, á vez, é portada do Viralatas. "Apostamos tamén por apartarnos do que sae en todos os medios", subliña Txema.

Eclecticismo e enerxía creadora
"A xente está farta dos canais máis comerciais, e busca outras cousas", expoñen. Do mesmo xeito, afirman estar convencidos de que a creatividade ferve entre a mocidade galega que experimenta e bota á luz sen complexos iniciativas de todo tipo impensábeis hai anos. "Hai moita enerxía", indica Vinyet. "Interésanos tanto ou máis Nano 4814 que Banksy", explicita Txema, equiparando o xenio do graffiteiro vigués Nano co do mundialmente coñecido artista urbano británico.

Música, pintura, banda deseñada, teatro, literatura... teñen cabida no Viralatas. Cun deseño extremadamente coidado, a revista que ía chamarse Tora, Tora, en referencia ao berro dos kamikazes xaponeses, e que finalmente colle nome do alcuño brasileiro para os cans que viven na rúa, pode atoparse en ducias de locais de lecer de todo o país. O cineasta galego Rodrigo Cortés, triunfador no último festival de Sundance; o graffiteiro Mode2; a banda Hola a todo el mundo, o festival de Cans... son algúns dos contidos do número de maio. Xunto cos anteriores, está dispoñíbel para libre descarga en rede na web Viralatas.net.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: