Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CARLOS NEGRO

"Abelcebú é un peido diabólico na parte traseira do sistema literario"

No seu último libro, disfrázase do Demo Perello e achéganos un dicionario retranqueiro para non tomármonos a vida en serio.

Isabel G. Couso - 11:00 24/05/2010

Carlos Negro (Lalín, 1970) aparta por un tempo a poesía do seu currículo editorial e preséntanos Abelcebú, o Dicionario do Demo e da Mona, unha compilación de definicións que ao estilo de Ambrose Bierce nos ofrece a retranca máis propia do país. Coa teima de poñer a caldo mesmo a quen xa bebeu as sete cuncas e procurando facer cóxegas ou deligras, Negro chancea coa vida e bota fora os lixos da lingua e os cuspes da boca. Falamos con el para que nos explique, en propia persoa, a súas intencións brincadeiras.

Que atopará o lector en Abelcebú?
Eu diría que Abelcebú é un libro que merece unha anti-presentación. A min coñéceseme como poeta, entón quen se achegue a este libro vai atopar algo completamente diferente, non sei se mellor ou peor, pero diferente. Abelcebú é un dicionario do demo. Realmente no falo eu, fala o demo Perello, un demiño doméstico, ás veces con mala leche, ás veces con rexouba, ás veces un pouco serio... Non hai que tomalo moi en serio, é un libro para que a xente que se achegue a el o vaia lendo aos poucos. Son definicións e definicións de palabras, sempre disparando, como un cuspe que botas de lado, con retranca. Se ao acabar o libro saes cun sorriso, creo que xa está, que non hai que buscarlle máis transcendencia.

Coa túa traxectoria de poeta, como xorde a idea de escribir este dicionario?
Xurdiu como un divertimento. Realmente empeceino sobre o ano 2003. Eu viña de ler o Dicionario do Demo de Ambrose Bierce, que é a referencia primeira deste libro, e lanceime a escribir unhas definicións dese tipo, mais actualizadas. Empecei a anotalas, logo escribinas no ordenador, comecei a sumar unhas 20, logo unhas 50... e dixen, pois vou seguir coa broma. Foi un traballo descontinuo de catro ou cinco anos e, polo camiño, foron sumándose outras influencias amáis das de Bierce.

Nas definicións, o que máis prima é o humor e a retranca. Estamos faltos de sorrisos na nosa literatura?
Temos unha tradición de humor que se remonta ás cantigas de escarnio, que podemos ler en Celso Emilio, nalgúns grupos poéticos, como Ronsel... O que pasa é que as veces semella que sentimos a necesidade de ser serios, responsábeis, de facer unha literatura ben sisuda. E eu quería pasalo ben, foi un libro que gocei facéndoo, foi unha especie de válvula de escape: ía botando aí todas as miñas fobias, os meus rancores, algunhas con máis seriedade e outras a xeito de broma.

No prólogo do libro adiantas que non pretendes salvar a literatura galega. Cres logo que precisa de salvación?
Ás veces parece que temos que estar seguido salvando o país, todos os días, ben polo asunto da lingua, ben polo pouco caso que se nos fai aos que escribimos en galego nos medios, salvo contadas excepcións. Semella que estamos sempre con esa ansia de salvar cousas: como salvar as baleas, a capa de ozono... Decidín deixar de salvar cousas e pasalo ben e esa era a idea. Ao mellor noutros libros si que quero salvar algo, pero non neste, estaba con poucas forzas e con ganas de buscarlle as cóxegas ao mundo. Evidentemente os lectores poden atopar crítica no texto, mais sempre hai que tomalo cun pouquiño de humor.

Outro presuposto do que partes é que non te presentas a premio literario ningún porque non queres levar desgustos. Levaches logo moitos? Cres que a literatura galega peca en exceso da dependencia dos galardóns literarios?
En realidade este libro non o podería presentar a ningún premio, porque non encadraría en ningún xénero. Doutra banda, non vexo mal o dos premios, a falta doutras vías. Coido que, dado que non nos fan moito caso, pois dar os premios a nós mesmos pois está ben, se non nos queren os demais, polo menos querernos nós. Outra cousa é a necesidade de concentralos ou crear algún máis importante, pero non me corresponde a min. E se temos que facer publicidade hai que facela, xa que todo o mundo se vende, nós tamén temos que vendernos un pouco.

E a cuestión da normativa, dis no prólogo que non adoptas a lusista por "incompatibilidade de caracteres entre a saudade lisboeta e a retranca de Muimenta". Non é apta logo para a retranca?
Hai unha rama da miña familia que ten unha retranca así moi do interior, un humor negro (nunca mellor dito). E ás veces, con estes conflitos das normativas, vexo a algúns lusistas moi dramáticos nas súas declaracións, aínda que tamén os hai sensatos (ri). Pero era un pouco por dicir así que non é exactamente o mesmo o humor lisboeta que o da miña terra, de Muimenta. Por iso non escribo en lusista.

Algunha das definicións que presentas no teu Abelcebú atravesóuchese máis?
Ás veces atravesábanseme meses, pero deixábao, non é un traballo moi metódico. Ao mellor collías unha palabra, que pensabas que podía dar moito de si, pero non saía. E deixábaa para algún momento de máis inspiración. Pero non me acordo de ningunha en concreto, a verdade é que xa perdín a memoria de moitas das que intentei definir e quedaron polo camiño.

E algunha que che guste especialmente?
Depende do estilo. Algunhas definicións son moi Bierce, outras tiran máis das greguerías de Ramón Gómez de la Serna, tamén hai influencias das viñetas de El Roto... Depende do que queiras en cada momento. Pero por exemplo, hainas moi suaves como a de horta ("terreo próximo á casa no que sempre chove sulfato") e despois hai outras, como a de europeo ("individuo con esperma de baixa calidade")... Outras son máis para pensar, como esquerda ("o progresismo está ao lado do corazón, pero a esquerda tamén pode resultar sinistra").. En suma, que as hai para todos os gustos.

Finalmente e apartándonos da presentación estrita do libro, ti como escritor, docente e habitual nos recitais nos centros educativos, como valoras toda a polémica xerada en torno ao decreto do ensino?
Se me poño serio diría que o único bo de todo isto, desta ofensiva anti-idioma, é que polo menos serviu para que houbese unha reacción na que se actualizaron os discursos sobre a lingua, e para que se diversificaran un pouco. Dentro do contexto derrotista no que caemos ás veces, paréceme un avance: diversificar, implicar a máis xente e actualizar os discursos de defensa do idioma. Despois faría como o Demo Perello, isto o que merece é un grande peido colectivo.


4,48/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Carlos Negro preséntanos Abelcebú

Carlos Negro, na súa visita a Vieiros
Carlos Negro, na súa visita a Vieiros