Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Na XVI edición

O 'modelo Burela' de normalización é recoñecido co premio Lois Peña Novo

Alén do concello burelao, o xurado premia tamén o Foro Avogados Lugo e o catedrático Ramón Lorenzo Vázquez.

Redacción - 17:10 14/05/2010

O 81% da poboación fala en galego no Concello de Burela, onde o proxecto de normalización lingüística foi apoiado por unanimidade por todos os grupos políticos con representación municipal. Son criterios salientados polo xurado á hora de outorgarlle un dos premios Peña Novo ao Concello de Burela "pola política de inculturización da numerosa comunidade internacional asentada no seu territorio". "Unha experiencia pioneira modélica para o resto dos concellos galegos nos que se asentan inmigrantes de distintas procedencias e culturas", indican. No fallo tamén se subliña que a política lingüística do Concello de Burela desenvólvese "sen conflitos a partir dunha pedagoxía que ten nas escolas municipais os centros nos que se fomenta a cohesión lingüística".

Por outra banda, nesta ocasión é premiado tamén o Foro Avogados Lugo SCP, bufete profesional de avogados que leva vinteún anos utilizando a lingua galega en todos os órganos xurisdicionais, "sen que esta práctica supoña dificultades engadidas perante os xulgados e tribunais de xustiza nin indefensión para os seus clientes". Di o xurado que esta iniciativa singular "ten o valor de ser unha experiencia extrapolable a todos os profesionais do Dereito" en Galiza e estima que a normalización lingüística na administración de Xustiza "debe ser impulsada polos colectivos de profesionais liberais".

En terceiro lugar, é tamén premiado o catedrático don Ramón Lorenzo Vázquez, pola súa traxectoria como mestre da filoloxía galega medieval, recoñecida dentro e fóra de Galiza, a través da súa condición de membro de prestixiosas institucións como o Instituto da Lingua Galega, Real Academia Galega, Instituto de Estudos Padre Sarmiento e outras entidades académicas de ámbito europeo e internacional, e as súas publicacións. Salienta o Xurado "a importancia das súas achegas filolóxicas para crear un corpus lingüístico aplicábel á normalización da lingua nos eidos xurídicos e administrativos, interrompidos durante moitos séculos, e que agora cómpre fixar e estandarizar".

O xurado reuniuse na Pousada de Soutomaior este 14 de maio, e estivo integrado nesta XVI edición por Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia que actuou como presidente; Valentín García Gómez, en representación do Concello da Estrada (premiado edición anterior); Marisol López Martínez, profesora de filoloxía da USC; Xosé Manuel Tato Camino, director xeral da área de urbanismo no Concello de Pontevedra; Guillermo Fontán Feijoo, membro da Fundación Lois Peña Novo, Guadalupe Rodríguez Silva, concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela e Carme Pérez Vaquero.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: