Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estados Unidos de América

O ex director da CIA autorizou a destrución de vídeos con torturas a presos en Tailandia

Segundo informa The New York Times, as imaxes de dous presos supostamente vinculados a Al Qaeda foron eliminadas en 2005.

Redacción - 10:30 20/04/2010
Porter Goss en 2004

Porter Goss en 2004

O director da CIA entre 2004 e 2006, Porter Goss, autorizou a destrución de gravacións en vídeo de torturas a presos do cárcere da CIA en Tailandia, segundo revelou o diario The New York Times.

A documentación interna da axencia estadounidense citada polo xornal recolle que os vídeos foron destruídos en novembro de 2005 por orde de José Rodríguez, adxunto de Goss e director do Servizo Clandestino Nacional dependente da CIA.

Ao principio, Goss non aprobou a idea de destruír as gravacións e mesmo mostrou o seu malestar por que Rodríguez non o consultase con el antes de emitir a orde.

Porén, correos electrónicos entre empregados anónimos da CIA proban que o seu director terminou admitindo que era imprescindíbel desfacerse dos vídeos que mostraban torturas durante interrogatorios a dous presos supostamente vinculados a Al Qaeda.

Interrogatorios en 2002
A CIA tomou declaracións a sospeitosos en Tailandia en 2002. As gravacións destes interrogatorios, que sumaban máis dun centenar de cintas en total, arquiváronse na sede de Bangkok até 2005, cando José Rodríguez decidiu destruílas para impedir a súa posíbel divulgación. No entanto, dous anos máis tarde estes feitos saíron á luz por mor dunha reportaxe de The New York Times.

O pasado 15 de abril, a CIA publicou varios seus documentos internos, incluídos correos entre empregados, en cumprimento da resolución xudicial que se ditou a raíz dunha demanda presentada pola Unión Americana polas Liberdades Civís.


Máis información:


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: