Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asociación de Docentes

Denuncian discriminación do portugués nas seccións bilingües

O profesorado de lingua portuguesa afirma que a Consellaría de Educación está a favorecer o inglés e o francés fronte aos outros idiomas.

Redacción - 12:45 13/04/2010

A Asociación de Docentes de Portugués na Galiza (DPG) asegura que o seu colectivo está a ser discriminado nas seccións bilingües. Nunha orde da Consellaría de Educación que regula as actividades formativas inglesa, francesa, alemá e portuguesa en niveis non universitarios, o profesorado de lingua lusa denuncia que só se lles exixe crear seccións bilingües aos docentes de francés e inglés mais non aos de portugués e alemán.

Segundo a asociación, esa exixencia abre un precedente inaceptábel, por promover seccións bilingües nunhas linguas e non noutras, algo que tampouco está fundamentado na lexislación educativa vixente. O tratamento desigual tamén lle afecta ao número de cursos ofrecidos, só un para o portugués e o alemán para profesores especialistas e non especialistas, sen diferenciación entre o nivel de coñecemento do profesorado asistente. Pola contra, hai seis cursos de inglés para especialistas e catro para non especialistas e dous de cada categoría no caso da lingua francesa.

A DPG lembra que o portugués ten cada vez máis demanda no sistema galego de ensino, com presenza en 11 escolas primarias, 25 secundarias e oito EOI. Ademais, o presidente da Xunta comprometeuse publicamente a promover o estudo do portugués en Galiza. É unha lingua oficial en oito países e unha das máis faladas do mundo, polo que a asociación non entende que se desfavoraza o portugués nas seccións bilingües.


2,6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: