Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
V Edición do Certame Musical

Un lustro de éxitos: A Polo Ghit 2010!

Vieiros pon en marcha unha nova convocatoria do concurso creado para a promoción dos grupos musicais do país. Nesta ocasión a Radio Galega non participará na iniciativa.

Redacción - 18:00 12/04/2010

Comezaba xullo de 2006, había un mes que botara a andar a primeira edición de A Polo Ghit e botamoslle un ollo ao rexistro do concurso: con só 18 pezas publicadas nesa altura eran xa 30 mil as descargas que os internautas fixeran dos temas musicais a concurso. Por se quedaba algunha dúbida da ansia que a xente tiña por coñecer e gozar da creatividade das bandas galegas, aí estaban eses primeiros números para avalar a proposta.

Números que a partir de aí se dispararon: milleiros de reproducións e descargas dos temas e de consultas da información sobre os grupos rachando os contadores cada semana. A ghit-historia acumula neste tempo un total de 230 pezas musicais recibidas. Foron ducias de grupos que compartiron cos afeccionados as súas propostas, moitos deles repetindo participación en varias edicións, achegando as súas creacións, demostrando a orixinalidade e a capacidade de innovar, o humor e a sensibilidade, a calidade e o talento dos músicos galegos.

Neste quinto aniversario a Radio Galega non apoia A Polo Ghit
Vieiros contou con escasos apoios neste tempo para axudar a manter A Polo Ghit, malia demostrar a iniciativa ser un magnífico escaparate para os grupos do país e amosar a potencia creativa dos nosos músicos. Paradoxalmente, e coincidindo coa que é a quinta edición, a Radio Galega non apoiará o concurso este ano. Logo de suprimir da súa programación o que foi o primeiro programa exclusivamente adicado á promoción dos grupos do país, Aberto por Reformas, a dirección da emisora pública desvencéllase do que se convertera en certame de referencia cada verán. E este sería o quinto.

En calquera caso, desde Vieiros pensamos que é necesario que os medios do país manteñan fiestras abertas á creatividade musical que abrolla forte en Galiza, e aínda que o teñamos que facer en solitario desta volta, seguiremos apostando por A Polo Ghit. Internet demostrou ser unha canle idónea para a promoción e a divulgación do talento que desbordan os músicos galegos. Na rede flúe libre e sen cancelas o poder, a imaxinación e a inventiva dos artistas. A música atopa carreiros por onde estoupar como unha castaña sen amosegar.

Aberto o prazo: agardamos os vosos ghits!

Por iso, contamos coa vosa inspiración e enerxía para seguir divulgando a boa nova: a música galega vive, forte e san, con máis ideas ca nunca. Esta porta está aberta desde hoxe mesmo para recibir as vosas propostas. Desde agora e xa: A Polo Ghit 2010!

En breve achegarémosvos as bases polo miúdo, pero somos todo orellas ás vosas suxestións. A nosa caixa de correo espera polas vosas pezas: noticias@vieiros.com


Ligazóns

4,86/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: