'A órbita da Banda Hipnótica' é o álbume de Lamatumbá a piques de saír do forno. O festival Queremos Galego, primeira oportunidade para degustalo.
"Ídevos estirando cans, que logo chega o día". Ameaza trebón musical pola parte de Ourense. Choven noticias pola zona da Carballeira, onde unha xentiña andou a argallar con trebellos e, "postos a ser inconscientes", mercou un par de cousiñas para enfornar, así pola súa conta, un pan novo abaixo do brazo.
"Que corasón, animámonos e imos por outro?". Non lles tremeu o pulso aos de Lamatumbá para respondérense á pregunta logo de dous anos de poñer na rúa o anterior traballo. "O noso parauguiñas xa ía tendo idade para ir á escola", gaban, satisfeitos do anterior disco. Xa que logo, non había dúbida e á porta do Nadal pasado xa ameazaron con "ataque inmisericorde aos vosos corpos serranos, ás vosas pernas bailonas, ás vosas mentes famentas, e ás vosas ansias esnaquizatorreiros, esnaquizasalas, esnaquizacalquerasitioondehaxafesta".
Abrindo a primavera chega nova: "A Axencia Espacial Ourensá ten o pracer de anunciar o vindeiro lanzamento do novo álbume de Lamatumbá, a banda mais festeira a esta beira da Via Láctea". Estará nas tendas o próximo maio, pero o choio xa anda bautizado: 'A Órbita da Banda Hipnótica', foguete cargado con quince novas cancións, "quince estrelas de festa, quince soles de amores, quince satélites en pé de verbena" e algún que outro burato "negro de carraxe". A primeira oportunidade para meterlle o dente e mover as canelas será en breve, o sábado 17 de abril no Festival Queremos Galego, en Pontevedra. De aí para adiante, un non parar: na festa da Marosa, en Burela, o 15 de maio, na sala Clandestino, en Nigrán, na véspera do Día das Letras ou na sala Capitol, en Compostela, o 20 de maio.