Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO RURAL

“Feito en Galiza”, unha etiquetaxe ao servizo de produtos foráneos

O SLG denuncia que a nova normativa permitirá ás empresas que teñan razón social en Galiza etiquetar os seus produtos como galegos, malia seren importados.

Redacción - 09:00 16/03/2010
Carme Freire denuncia que esta iniciativa supón unha fraude tanto para produtores como para consumidores”

Carme Freire denuncia que esta iniciativa supón unha fraude tanto para produtores como para consumidores”

Aquelas empresas que teñan a súa razón ou sede social en Galiza, que elaboren, transformen ou comercialicen os seus produtos no país, terán dereito a empregar a catalogación “Feito en Galiza”. Así o dispón o “Decreto polo que se regulan as mencións relativas á orixe ou procedencia galega na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios”, proposto pola Consellaría de Medio Rural e que conta co apoio de todos os sindicatos agrarios, agás o Sindicato Labrego Galego (SLG).

A secretaria xeral desta última central sindical, Carme Freire, denuncia que esta iniciativa abrirá a porta a unha “grave fraude tanto para produtores como para consumidores”. Dende o SLG entenden que este proxecto permitirá a empresas foráneas “aproveitarse do prestixio dos produtos galegos, arestora fortemente lexitimados no mercado en base ao bo facer histórico do noso sector produtor, das características produtivas propias da nosa terra e dun cada vez maior sentimento de valoración e apoio por parte dos consumidores á produción e ao medio rural galego”.

Multinacionais comercializando a calidade galega
Freire puxo como exemplo o caso hipotético dunha industria instalada en Viana do Bolo, que importe mel da China con noces de California: “só polo feito de envasar o produto aquí xa podería levar a etiqueta de “feito en Galiza”. O SLG lamenta que Medio Rural “deixe en mans de calquera tipo de industria, galegas ou multinacionais, a posibilidade de comercializar con esta calidade”.

Defende que “a única proposta de etiquetaxe válida debería catalogar como produtos galegos soamente aqueles que, frescos ou transformados, empreguen unicamente materias primas criadas ou cultivadas na nosa terra”. Así, o SLG anuncia o inicio dunha campaña na procura da “complicidade de toda a sociedade” e mesmo valoran a posibilidade de adoptar “accións legais que bloqueen esta tentativa de confusión”.


Ligazóns

3,22/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: