Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Estrea este xoves

Berrobambán salta ao ring con 'Pressing Catch'

A compañía pon en escena unha obra sobre a violencia, que ademais da teatral ten parte musical, audiovisual, dixital e literaria.

Redacción - 13:45 08/03/2010
Imaxe do vídeo protagonizado por Lola

Imaxe do vídeo protagonizado por Lola

Berrobambán estrea este xoves o seu novo espectáculo, Pressing Catch. Obra de Paula Carballeira e dirixido por Quico Cadaval, pretende trasladar a un cuadrilátero loitadores da vida cotiá. "Hoxe tocoulles estar entre o público, pero mañá, calquera de vostedes pode estar no ring" é a mensaxe.

A obra, destinada ao público adulto, pretende analizar a fascinación polo medo e pola violencia, que se converten nun espectáculo. Por iso, Berrobambán afonda no que nos impulsa a querer contemplar iso: dende o circo romano até a loita libre televisiva. Ademais, o espectáculo pretende ser multidisciplinar: con música, edición, multimedia e audiovisual.

En Pressing Catch, un picadiscos introduce personaxes próximas, como Lola (Anabell Gago), unha muller de armas tomar que usa a violencia como defensa; o Hellmaster (Hugo Torres), avogado de éxito cunha vida familiar que non controla, e A Chorona (Paula Carballeira), que recorre á chantaxe emocional. Os protagonistas son controlados por un Árbitro (Chiqui Pereira) que non quería selo.

Ademais das interpretacións, terán lugar actuacións musicais en directo e proxectaranse pequenas curtametraxes realizadas por Carlos Alberto Alonso que contan a vida das personaxes cando están fóra do ring. Estas pezas contan con 'cameos' estelares, de actrices e actores coñecidas que colaboraron desinteresadamente.

A obra continúa ao rematar a función, pois o texto dramático está publicado por Edicións Positivas, co deseño gráfico de Hidalgo & Bértolo. Ademais, nunha web pódese acceder aos vídeos de loitadores e interactuar con eles. Así mesmo, previa á estrea, a compañía lanzou o pasado outono un certame musical para escoller os 12 temas que se publicarán no CD Pressing Catch, editado por Falcatruada.

A estrea terá lugar na compostelá Sala Nasa, o xoves 11 ás 21:30. Haberá novas sesións o venres e sábado seguintes, así como do xoves ao domingo da semana seguinte.


4,18/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: