Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Do 2 ao 5 de marzo en Compostela

A edición galega independente xúntase nas súas primeiras xornadas

Estaleiro Editora e Corsárias crean un encontro anual para intercambiar experiencias sobre a difusión cultural libre.

Redacción - 09:00 02/03/2010

Esta terza feira comezan na biblioteca Ánxel Casal de Compostela as primeiras Xornadas Galegas da Edición Independente. O encontro, promovido por Estaleiro Editora e Corsárias, aspira a converterse nun espazo anual de encontro e intercambio de experiencias entre editoras, asociacións culturais, produtoras e consumidores.

Segundo explicou Carlos Figueiras, de Estaleiro Editora, a idea de organizar as xornadas xurdiu da intención de Estaleiro e de Corsárias "de conseguir planificar como están funcionando as cousas no ámbito editorial independente en Galiza". Así mesmo, pretende "que sirva para crear materiais que se poidan compartir libremente, traducir..." para que "se poidan copiar dentro de Galiza, como tamén fixo Estaleiro con outras editoras, como é o caso da Regueifa".

Outro dos obxectivos dos encontros é que sirvan de motor "do que facemos e do que fai outra xente tamén en Galiza, dende editoriais non asociativas, como Positivas, outras derivadas do asociacionismo, como a nosa, ou doutras asociacións que teñan o seu propio carimbo editorial". Nese sentido, tamén "queremos que algunha da xente participante teña un espazo anual para encontrarse, consultar cuestións e tamén que xente doutros ámbitos coñeza como traballamos". Así, contará coa presenza de xente de Euskadi, de Madrid ou de Portugal que achegará o seu coñecemento.

As xornadas "parten da edición" entendida como a publicación de "libros, mais tamén hai convidados doutros ámbitos, dende o fanzine até xente que traballa por internet, xente da música e esperamos no futuro ter outras persoas do audiovisual" en citas de anos vindeiros.

O programa das xornadas desenvolverase do 2 ao 5 de marzo na biblioteca Ánxel Casal, con dúas sesións, ás 17 e ás 19 horas. As actividades culminarán cunha festa final o venres á noite no bar As Dúas.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: