Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Promotora da diversidade lingüística na UE

Pecha a Axencia Europea de Linguas Minorizadas logo de 25 anos de traballo

O organismo con labor consultivo para o Parlamento Europeo, e que recentemente censurara a política lingüística da Xunta, anuncia a fin da súa actividade.

Redacción - 17:45 01/03/2010

A contribución clave á política europea e a achega cara a unha visión inclusiva da diversidade lingüística son labores subliñados este luns desde a Axencia Europea das Linguas Minorizadas (EBLUL- European Bureau for Lesser-Used Languages), na mensaxe que anuncia a fin da actividade da entidade. Promovida desde o Parlamento Europeo, a EBLUL constituírase como colectivo non gobernamental e tiña rango de entidade consultiva da institución europea e das Nacións Unidas.

Na nota de despedida chaman ao conxunto de organizacións independentes locais xurdidas ao abeiro do EBLUL a seguir no futuro o traballo iniciado a nivel europeo na promoción das linguas minorizadas. A nivel estatal por exemplo, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Aurten Bai, a Euskara Kultur Elkargoa e o CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions), constituíran en 2008 a asociación Diverslinguae, co obxectivo de dar a coñecer a realidade plurilingüe do Estado Español e defender os dereitos lingüísticos dos pobos con idiomas minorizados no ámbito estatal. Logo da fin desta vizosa etapa, segundo puido saber Vieiros debido a problemas orzamentarios, o tecido de apoio e colaboración despregado pola EBLUL tomará forma nun novo proxecto.

A finais de 2009, a EBLUL instara a Xunta de Galicia a poñer fin á "política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega". "As medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado Español", advertíanlle ao Goberno nun comunicado. Ao fío, engadían a súa vontade de trasladarlle a denuncia da situación aos diferentes foros internacionais nos que se integra o colectivo.


3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: