Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN FRIOL

Un camiño público que volverá ser dos veciños

O Xulgado de Lugo falla contra Fontnatura, quen obtivo a concesión para construír unha embotelladora grazas a apropiación dun terreo público.

Redacción - 10:10 14/02/2010

Mediante sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo, o camiño público que lle fora usurpado aos veciños da parroquia de Serén (Friol) volverá ser dos veciños.

Na súa decisión, o tribunal desestima o recurso promovido por Fontnatura S.L contra un acordo municipal que xa ordenara previamente repoñer ao seu estado orixinal un tramo de camiño público incorporado ilegalmente polos responsábeis da empresa aos terreos en que pretenden construír unha planta embotelladora de auga mineral.

A Xustiza deulle así a razón os veciños e a organización ecoloxista Adega, quen presentaron alegacións ao proxecto mediante o cal Fontnatura tiña prevista a explotación industrial das súas augas. Segundo denuncian, a apropiación do camiño, realizada a finais dos 90, permitiu á empresa obter irregularmente varias autorizacións necesarias para o aproveitamento das augas captadas en Friol.

Na sentenza recoñécese expresamente a correcta actuación dos veciños afectados ao requirir a recuperación do camiño, así como o seu interese lexítimo de defender o seu medio de subsistencia, o cal podería verse comprometido polo funcionamento da planta embotelladora. A sentenza vén tamén a cuestionar as formas de proceder dos responsables da empresa, que declararan reiteradamente a “legalidade” das súas actuacións.

Dez anos de litixios
O proxecto industrial foi nos últimos dez anos obxecto dunha forte oposición, tanto por un elevado número de gandeiros e agricultores das parroquias de Serén, Guildríz, Vilafiz, Vilalvite, Guimarei e Devesa como pola asociación ecoloxista Adega.

Os primeiros denuncian as restricións que leva aparelladas o aproveitamento das augas para a embotelladora. Pola súa parte, os ecoloxistas denuncian que a utilización destes recursos hídricos “carece dos máis elementais controis ambientais que aseguren a súa compatibilidade coas actividades agrarias da zona e a capacidade de recuperación do manancial ante o aproveitamento intensivo que pretende a empresa, de 85.000 litros/ano”.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: