Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asínase este martes

Acordo na negociación colectiva: os salarios ficarán como estaban

Comisións Obreiras, UXT e patronal pactan unha suba salarial dun 1% para este ano, malia que a previsión é que o IPC sexa do 1,1%. A CIG considera o incremento ridículo e alerta da perda de capacidade adquisitiva.

Isabel G. Couso - 13:35 09/02/2010
O acordo será o marco negociador en cada convenio colectivo particular

O acordo será o marco negociador en cada convenio colectivo particular

As negociacións salariais entre empresarios e sindicatos xa chegaron a un preacordo. A Confederación Española de Empresas (CEOE), Comisións Obreiras (CCOO) e UXT pactaron un novo marco de referencia que presidirá todas as negociacións dos convenios colectivos dos traballadores até o vindeiro 2010.

Canto se incrementa a nómina?
Entre os principais acordos deste consenso destaca unha controvertida subida salarial: este ano as nóminas medrarán un 1% (o IPC adiantado estima que os prezos subirán outro 1,1%); no 2011, os límites salariais sobre os que terían que negociar os comités de empresa estará entre o 1% e o 2%; e en 2012, oscilará entre o 1,5% e o 2,5%.

Este consenso, para o que se leva negociando dende hai máis dun mes, desbota a fórmula doutros acordos de negociación colectiva, cando se tomaba como referencia o 2% de inflación que recomenda o Banco Central Europeo, ademais da produtividade e das cláusulas de revisión salarial. Os axentes sociais españois puxeron así fin ao baleiro regulamentario do 2009, cando non se chegou a ningún punto de encontro.

Mentres CCOO e UXT lle deron o visto bo a este apartado, a CIG, que non está representada na negociación estatal, considera este incremento “claramente negativo”. Suso Seixo, secretario xeral da central sindical, cualifícao de “ridículo” e lamenta que “se impuxeran as teses da patronal”: “na práctica implica a conxelación salarial e, en consecuencia, a perda de poder adquisitivo dos salarios”. En concreto, este incremento salarial estará, con toda probabilidade, por debaixo do IPC real.

En tres anos, cláusula de revisión salarial

No pacto, sindicatos e empresarios acordaron arbitrar a posibilidade de activar unha cláusula de revisión dos salarios “ao final do ciclo”, é dicir, ao remate de 2012 “para compensar os traballadores das posíbeis perdas de poder adquisitivo.

Esta chamada “cláusula de descolgue” non contenta tampouco á central sindical nacionalista, que entende que “é de moi difícil aplicación” e explica que “a experiencia di que este tipo de cláusulas non se cumpren, nin sequera para as que se actualizan ano a ano”. Seixo recorda que “hai serias dificultades porque os traballadores que teñen contratos temporais é moi difícil que as exixan e mesmo é moi complicado para os traballadores con contrato indefinido”.

E os sindicatos?
Tanto CCOO como UXT deron por bo este acordo, ao considerar que mellora os postulados iniciais formulados pola patronal (pedían unha suba para o 2010 de non máis do 0,3%) e que dá un “solvente marco negociador” para os convenios colectivos de 12 millóns de traballadores. Así o secretario de Acción Sindical de UGT, Toni Ferrer, asegurou que o documento “asenta que a negociación colectiva é un eixe central para afrontar os problemas, as dificultades que ten tanto a economía como o emprego”.

Porén, dende a CIG, Suso Seixo, é moi crítico cos dous sindicatos e lamenta que “accedan a favorecer os intereses da patronal” ao tempo que lembra que no ano 2009, cando non se aplicou ningún acordo estatal de negociación colectiva, “acordáronse incrementos dos máis importantes dos últimos anos”. Ao tempo que critica o comportamento das cúpulas sindicais de CCOO e UXT, Seixo entende que o obxectivo deste acordo non é outro que “neutralizar e controlar a contestación social, evitando que os traballadores se mobilicen para reivindicar mellores condicións salariais”.

Seguinte paso: a reforma laboral
Unha vez chegado este acordo, péchase un episodio necesario antes de dar comezo ás xuntanzas da mesa do diálogo social. Entrarase así agora a negociar os termos dunha cada vez máis probábel reforma laboral.

Nesa nova mesa de diálogo perfilaranse os detalles que agora quedaron por definir, entre os que sobresae a petición dos empresarios dunha maior flexibilidade nos contratos. Para satisfacer esta petición, a proposta do Goberno contempla incentivar fiscalmente o contrato do Fomento de Emprego, que limitará a 33 días a indemnización por despedimento, fronte aos 45 que contempla agora o contrato estándar. A previsión é que o goberno español atenda a unha das peticións da patronal e fomente este tipo de contratos coa desgravación nas cotizacións á seguridade social. Para compensar, penalizaríase fiscalmente a contratación temporal.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: