Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REACCIÓNS

A rede rebélase contra Adolfo Domíguez por defender o despedimento libre

Diferentes grupos en Facebook chaman a boicotar os seus produtos. O PSdeG tilda o empresario de "explotador" e de "aproveitado".

Redacción - 11:40 04/02/2010

Adolfo Domínguez xa non está de moda. Se nalgún momento vestir cos deseños deste xastre era evidencia dunha aposta polo téxtil galego, as súas últimas declaracións provocaron o común rexeitamento de moitos dos seus potenciais consumidores. O blogomillo e as redes sociais ferven dende este mércores, cando o deseñador defendía ás claras o despido libre “sen trabas administrativas nin xudiciais” por considerar que provocaría un “aumento de produtividade inmediato” ao motivar as persoas “a gañarse cada día o seu posto de traballo”. Outro regueiro de tinta provocou coas súas palabras nas que aseguraba non crer “nun sistema que permite que unha persoa colla unha baixa por depresión durante un ano”.

Eu non compro en Adolfo Domínguez”
A que xa é unha das redes sociais máis utilizadas, o Facebook, acolle xa varias iniciativas que promoven o boicot das súas tendas. Así, un grupo chamado “Eu non compro en Adolfo Domínguez” conta xa con máis de 300 membros, que adiantan que “nunca máis” engrosarán os beneficios do xastre galego. Do mesmo xeito, proliferan outros tantos grupos na rede social: “Eu tamén quero que a Adolfo Domínguez o despidan libremente” conta con outros 160 siareiros ou “Boicot a Adolfo Domínguez por explotador e fascista”, outros 30.

No blogomillo tamén se suceden os comentarios. Así, un dos blogueiros máis lidos en Galiza, Perfecto Conde titula o seu último croque “Adeus, Adolfo Domínguez, adeus”, no que cualifica ao que unha vez fora “vestidor orgánico da progresía española” como “un auténtico reaccionario”: “Pois mire, don Adolf, o seu posicionamento político chéirame a podre (...) non volverei darlle un peso a gañar no que me queda de vida”.

Para o PSdeG, “sempre viviu de subvencións”
Xa no eido estritamente político, as respostas tampouco se deixaron agardar. O secretario de organización do PSdeG, Pablo García, subliñou que o modisto “sempre viviu á conta de subvencións, mentres explotaba os seus traballadores” e a súa empresa “non se caracteriza pola defensa dos dereitos dos seus obreiros”.

García pregúntase se Domínguez “quere que os traballadores teñan no Estado Español as mesmas condicións laborais que os seus empregados en Asia ou en África”.


4,47/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: