Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
No seu 80 aniversario

Homenaxes á traxectoria de Groba, incansábel prestixiador da música clásica do país

A Filharmonía de Galicia estreou esta semana unha composición de Roxelio Groba. Ao tempo, na Coruña fan petición formal para que o Concello lle adique unha rúa.

Redacción - 12:25 15/01/2010

A Comisión pola Recuperación da Memoria da Coruña (CRMH), envioulle ao Concello da Coruña unha ampla proposta para o rueiro da cidade. Son un total de 112 recomendacións concretas de persoeiros e institucións para os que reclaman que se lles adique unha rúa. Esta semana aproveitan para destacar unha delas, a petición dunha rúa para Roxelio Groba, aproveitando que o compositor, director e pedagogo cumpriu 80 anos. Groba é unha das máis destacadas figuras da música galega e acumula unha longa traxectoria que inclúe a dirección da Banda Municipal da Coruña durante 23 anos, a dirección do conservatorio coruñés durante 20 anos e a da Coral Polifónica Follas Novas e a Coral El Eco. Tamén fundou a Orquestra de Cámara Municipal da Coruña.

"Pensamos que dedicarlle unha rúa da cidade é o mellor agasallo que pode recibir cando cumpre 80 anos", expoñen desde a CRMH, salientando o seu traballo "ao servizo da música e de Galiza". Ironizan ademais sobre a decisión do pleno da corporación de adicarlle unha rúa "á Ópera". "Non habería que personificar esa palabra nunha persoa como Roxelio Groba, que escribiu cinco óperas?", reivindican, lembrando as composicións operísticas María Pita, Divinas Palabras, Camiños de Rosalía, Floralba e Pedro Madruga, elaboradas por Groba. Por este motivo, a CRMH trasladará a súa iniciativa a diversas entidades musicais e artísticas da cidade para que se sumen á petición.

Homenaxe da Filharmonía
Con motivo deste 80 aniversario do compositor, a Real Filharmonía de Galicia estreou durante a noite do xovez no Auditorio de Santiago de Compostela a peza Concerto no Lameiro. Ao concerto acudiu o alcalde, que felicitou a Groba pola súa brillante e recoñecida traxectoria musical e agradeceulle "o seu empeño en elevar o nivel musical do país".

O Concerto no Lameiro, composto por Groba en 2004 para orquestra e frauta solista, recolle inspiración do lugar d'O Lameiro, pertencente a Groba, na parroquia de Guláns, Ponteareas, municipio de onde é orixinario o músico. Nese lugar foi onde o compositor viviu a súa infancia e onde descubriu a música da man da banda local. O frautista de orixe venezolana Luis Julio Toro foi o encargado de interpretar a peza xunto á formación orquestral. O director da Orquestra de Córdoba, Manuel Hernández Silva actuou como director convidado. Alén da súa relación coa Coruña, Groba tamén tivo estreita relación con Compostela, onde participou como docente en diferentes edicións do curso Música en Compostela, o programa de formación musical que se celebra desde hai máis de medio século en Santiago. A Real Filharmonía de Galicia xa aproveitara as súas partituras para pechar a 52 edición deste encontro celebrado o pasado agosto.

Na traxectoria de Groba tamén cómpre destacar o disco gravado coa Orquestra de Cámara de Stuttgart baixo a dirección de Maximino Zumalave e que inclúe a cantata Cantigas de Mar e a suite barroca Intres Boleses. Tamén os discos nos que participou a Sinfónica de Londres, gravados nos estudos Abbey Road da capital británica, entre eles o dobre CD dirixido por el mesmo, da Gran Cantata Xacobea co coro London Voices. Groba é tamén o autor do primeiro Réquiem en galego, “Samaín. Réquien galego”, que colle o seu nome dunha das catro festas anuais celtas, que é a que se celebra en novembro, coincidindo co día de defuntos.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: