Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FINANZAS

Orozco tamén quere tallada da fusión das caixas

Reclama para Lugo a sede do centro de datos da nova entidade resultante e defende a súa galeguidade.

Redacción - 17:32 13/01/2010
O alcalde de Lugo pregúntase que papel lle reservan á súa cidade na fusión das caixas

O alcalde de Lugo pregúntase que papel lle reservan á súa cidade na fusión das caixas

Alén das recentes leas e intereses contrapostos dalgúns dos máis destacados líderes socialistas das cidades da Coruña e de Vigo a prol da fusión de Caixanova e Caixa Galicia, un novo actor político salta á escena: o alcalde de Lugo.

Xosé López Orozco (PSdeG) non está disposto a contemplar a rifa norte-sur dende as bancadas e este mércores fíxose valedor dos posíbeis intereses da capital luguesa na negociación da fusión reivindicando para a cidade a sede do centro de datos da caixa resultante. "Semella que aquí soamente hai dúas cidades: A Coruña e Vigo", dixo ao tempo que subliñou as calidades aforradoras dos lugueses e a disposición do Concello a colaborar para que "ese centro de datos se instale no municipio".

Galeguidade das caixas
Orozco asegurou ademais non ver con bos ollos que poidan entrar no accionariado entidades bancarias de fóra de Galiza: "eu non son nacionalista, mais non se podería entender o desenvolvemento dos últimos anos sen ter en conta o papel que tiveron as dúas caixas", asegurou, "se non hai unha caixa galega habería moitas pequenas localidades que non terían oficinas de ningunha sede financeira". Subliñou que "non se poden poñer as caixas ao servizo de ningún partido político" e defendeu que o seu lugar é "manterse ao servizo do desenvolvemento galego".

Finalmente, manifestou a súa preocupación polo feito de que a Lei de Caixas contemple que cando se queiran empregar máis de 500 mil euros do Fondo Social teña que contar coa aprobación da consellaría correspondente da Xunta e amosou o seu desacordo con que os políticos non poidan formar parte dos órganos de dirección das entidades.

O PP critica as contradicións socialistas
Pola súa parte, o portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, acusou o PSdeG de "ver ben" que os centros de decisión de Caixa Galicia e Caixanova "se trasladen a outros puntos do territorio estatal", en contestación ás últimas declaracións de Manuel Vázquez (PSdeG) nas que aseguraba que Feijoo quere "forzar" unha fusión entre as dúas entidades de aforro para entregarllas a Caja Madrid.

Rodríguez Miranda subliñou que o Goberno "deixou claro dende o primeiro momento" que Galiza ten "unha vía propia" e manifestou publicamente o seu apoio a unha fusión. En contraposición, denunciou "a incoherencia" do PSdeG, quen "primeiro urxiu a actuar ao presidente da Xunta e despois quixo atrasar a reforma da lei de caixas".


4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: