Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
QUEREMOS GALEGO

Se a Xunta derroga o decreto do ensino, as aulas paralízanse

Sospeitan que a Consellaría proxecta dar a coñecer o borrador ben na ponte de decembro ben nas vacacións de Nadal para "desactivar calquera resposta social"

Redacción - 19:00 30/11/2009

Unha folga xeral no ensino. Esa será a resposta de organizacións como CIG-Ensino, STEG, AS-PG, a Mesa pola Normalización Lingüística ou colectivos de estudantes e asociacións de nais e pais integradas na plataforma Queremos Galego á derrogación do actual decreto do ensino.

Nunha declaración conxunta, estes colectivos denunciaron a existencia dun "clima de incerteza" nas aulas perante os previsíbeis substitución do decreto por un novo texto, o que aseguraron que suporía "o primeiro retroceso legal en 30 anos de período autonómico e presenza legal do galego no ensino". Fonte a isto, anunciaron que convocarán unha "mobilización xeral ou xornada de loita de toda a comunidade educativa, en todas as etapas".

Incumprimento da actual lexislación
Doutra banda, estes colectivos manifestaron a súa "preocupación" polo que entenden como "un exercicio de total insubmisión" da Consellaría de Educación ao respecto da súa propia lexislación vixente. "Non é só que non garantan o pleno cumprimento do decreto 124/07", explican, "senón que cada declaración pública acaba por se converter nun convite expreso á desobediencia".

Denuncian que a situación actual no eido do ensino continúa a ser "de xeneralizado incumprimento do decreto en vigor" e que alí onde si se aplica é "exclusivamente grazas ao esforzo e compromiso, moitas veces mesmo persoal, da comunidade educativa". Neste sentido, reclamaron medios e recursos, "en moitos casos inexistentes" e formación axeitada para o profesorado.

Ás portas do Nadal
Dende Queremos Galego temen que a Consellaría escolla a data para presentar o borrador en función da resposta social que poida recibir. "Agardamos que non caian na tentación de dalo a coñecer xusto antes da ponte da vindeira fin de semana, antes ou mesmo durante as vacacións de Nadal co obxectivo de tentar desactivar calquera resposta social", dixo Anxo Louzao, da CIG-Ensino. "Sería boa mostra do talante prepotente e antidemocrático de quen despreza a opinión da comunidade educativa e da sociedade".

Esta posición conxunta, que foi presentada en comparecencia pública, é compartida por STEG e CIG-Ensino, en representación do profesorado; os Comités, Iniciativa Estudantil Galega (IESGA) e o Sindicato de Estudantes, polo alumnado; a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG); a Mesa pola Normalización Lingüística e varias federacións comarcais de asociacións de nais e pais, todos eles integrantes da plataforma cidadá Queremos Galego.


Ligazóns

4,57/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: