"Non se fíe vostede de todo o que se diga", aconsellou á xornalista que lle preguntou por unha posíbel fusión de Caixa Galicia con Caja Madrid e CAM.
O xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijoo, asegurou este martes que falará sobre o futuro das dúas caixas galegas, Caixa Galicia e Caixanova, "no seu momento" e avisou de que "ningún intermediario" se pode pronunciar "en nome do presidente".
Manifestouse deste xeito logo de ser preguntado por unha posíbel fusión entre Caixa Madrid, Caixa Galicia e a CAM valenciana que, segundo informacións publicadas, vería con bos ollos a dirección estatal do PP.
"Non se fíe vostede de todo o que se diga", aconsellou á xornalista que lle preguntou por esta posibilidade, e instouna a "confiar" en que o presidente da Xunta "dirá o que teña que dicir no seu momento". Porén, evitou profundar no asunto xa que, argumentou, "non hai ningún tema máis importante hoxe que a liberación do Alakrana".
BNG: "Presidente galego ou delegado rexional do PP en Galiza?"
Por outra banda, o portavoz do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, anunciou este mesmo martes que o seu grupo defenderá no pleno da próxima semana unha iniciativa para garantir o carácter público das caixas, blindar as competencias de Galiza e dotalas dun goberno transparente.
Segundo Aymerich, esta iniciativa permitirá coñecer a postura de todos os grupos sobre o tema e tamén será unha oportunidade para que Feijoo, a quen o BNG lle preguntará por este tema, decida se exerce como presidente galego ou como "delegado rexional do PP en Galiza".
"É unha segunda oportunidade, a primeira perdeuna no financiamento autonómico por seguir as directrices de Génova. É o exame de recuperación no que pode demostrar que é máis que o delegado do PP e quere presidir o país", sinalou.
"Consenso" e "prudencia", din PSdeG e BNG
Preguntado por esta iniciativa, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, sinalou que o seu partido procura o consenso, e recordou que solicitaron unha comisión que os populares rexeitaron para estudar este tema.
Manuel Ruiz Rivas, voceiro do PPdeG na Cámara, volveu aludir, do mesmo xeito que fixo este luns, á "prudencia" e tamén á "oportunidade" desta iniciativa.