Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Intereses persoais sobre intereses de país

O futuro das caixas... ou o futuro de Méndez e Gayoso?

Do mesmo xeito que Gayoso busca noivas para Caixanova fóra do país, o 'mendismo' move peza para, no mesmo caso, manter poder en Caixa Galicia.

R.N - 09:40 12/11/2009

"O que sexa mellor para Galiza", repiten cara ao público desde administracións e entidades ao respecto das claves que guiarán o futuro das caixas de aforro do país no actual escenario de fusións a nivel estatal. Así e todo, a frase agocha concepcións diferentes sobre o que pode ou debe ser "o mellor" para Galiza.

E no fondo, no contorno das entidades teñen claro que o que determinará en realidade o futuro das entidades será o poder que os grandes pesos pesados das caixas manteñan nas hipotéticas fusións posíbeis. Por baixo da omnipresencia e capacidade case ilimitada de manobra dos seus actuais e omnímodos líderes, abriríanse fendas significativas mesmo ao nivel dos altos cargos. A posibilidade de que Méndez e Gayoso cociñen as súas fabas persoais nas negociacións abertas con entidades foráneas, acelera a incerteza mesmo sobre colaboradores estreitos dos dous todopoderosos directores xerais.

As leas de Caja Madrid frean a absorción de Caixa Galicia
Exemplo paradigmático da situación é a manobra que coa beizón política principal do Partido Popular saltou á luz en meses pasados: a megacaixa estatal integrada por Caja Madrid, Caja del Mediterráneo e Caixa Galicia. Un proxecto que, na práctica, debuxaba a absorción por parte do xigante madrileño dos outros peixes financeiros menores.

Desde o contorno sindical da caixa madrileña confirman que os contactos que existiron a mediados de ano apuntaban a un interese real e sólido en engulir a entidade financeira galega. Unha operación que é vista con bos ollos en Madrid, xa que aumentaría significativamente a cota da entidade, tería impacto laboral mínimo e abriríalle a billa do fondo estatal de reestruturación para sanear os números. Do mesmo xeito, sinalan que eses contactos arrefriaron nas últimas semanas ao tempo que medraba a lea interna en Caja Madrid. Así e todo, hai constancia de reunións recentes do entorno do director xeral de Caixa Galicia para avaliar o escenario posíbel a curto prazo. A incerteza permanece, toda vez que o consenso que se debuxaba entre o propio PSOE e PP na figura de Luís de Guindos como futuro presidente da caixa madrileña, deu paso ao case seguro nomeamento do ex ministro Rodrigo Rato para a pilotaxe desta entidade. O previsíbel desbloqueo a curto prazo do recurso interposto acerca do reparto dos conselleiros na asemblea xeral de Caja Madrid levaría así outra vez a primeiro plano as estratexias de fusión da entidade para reforzarse no actual contexto de crise.

Mentres, en Caixanova mantense a confianza nas posibilidades abertas cara a unha fusión con Caja Murcia e Cajastur. Malia o silencio ao respecto desde a entidade viguesa, as negociacións foron confirmadas desde a caixa murciana, revelando que os contactos veñen de antes do verán. Así e todo gaña forza a opción do Sistema Institucional de Protección (SIP), como mecanismo para xuntar esforzos en términos de solvencia, liquidez e xestión de risco mantendo á vez cada un dos socios a súa identidade e personalidade xurídica. Un argumento que Caixanova usaría para xustificar socialmente e fronte á Xunta a procura de noivado fóra do país. Mais é inevitábel ver que o elo forte deste pacto sería a caixa asturiana, reforzada logo de facerse coa Caja Castilla-La Mancha.

A crise aperta, Méndez e Gayoso presionan, a Xunta dubida
Caixa Galicia presentou resultados no terceiro trimestre cun beneficio de 74 millóns de euros, apenas catro millóns máis que no trimestre anterior. Caixanova acumula descensos consecutivos na súa conta de resultados do 30,2% no terceiro trimestre e dun 19,5% de recorte no balance do primeiro semestre do ano respecto ás cifras do ano anterior. As entidades xustifícanse nos esforzos realizados para "elevar fortaleza" no actual escenario económico. Mais os analistas non son alleos ás imaxinativas manobras contábeis aplicadas para afrouxar de dramatismo os balances que están distorsionando a realidade da situación do sector.

Neste contexto, a redución de ingresos financeiros esixirá fusións que saneen as contas permitíndolle ás entidades acceder ao maná do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria). Nesa estremo inevitábel, e malia o hipotético consenso dos tres grupos parlamentarios en favor de que as caixas galegas se fusionen entre elas, aparece como obstáculo o criterio persoal dos popes de Caixa Galicia e Caixanova. Os intereses persoais e familiares e o perenne apego ao poder que ambos os dous teñen demostrado convértennos en pezas fundamentais da negociación. Así o demostraron os últimos días nas sucesivas reunións co presidente da Xunta e o seu equipo. O silencio do Goberno e a resignación que desprende a viraxe no discurso sobre as caixas dos principais líderes políticos agoira que, malia o teórico poder de veto da Xunta, a vontade de Méndez e Gayoso determina por agora o futuro das entidades.


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: