Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
UN XULGADO DE MADRID

Retíranlle a unha viguesa a custodia das fillas alegando unha cuestión lingüística

O auto xudicial entende que o traslado a Vigo sería un prexuízo para as menores, ao seren escolarizadas "en centros públicos con inmersión na lingua galega".

Redacción - 19:10 17/11/2009

"Perigo de desarraigamento" ao matriculárense en centros públicos "cunha lingua distinta á aquela na que estiveron escolarizadas até o de agora". Este é un dos argumentos que esgrime un auto dun xulgado de Alcorcón (Madrid) para retirarlle a custodia das súas fillas a unha muller de Vigo. Así o denunciou a familia viguesa, quen lamenta que o feito de vivir en Galiza poida supoñer un impedimento para criar as nenas.

Proceso xudicial
A inaudita historia que agora denuncia esta familia iníciase cando a muller, de 45 anos e natural de Vigo, se separa do seu home, co que residía en Madrid. Nun primeiro momento, o xuíz decreta a custodia compartida. Porén, segundo denuncian, o pai deixa de facerse cargo da custodia e, por cuestións económicas e familiares, a nai decide trasladarse de novo a Galiza coas súas fillas. Dende ese momento, iniciáronse os litixios nun longo proceso xudicial, que aínda non concluíu, e que depara este auto xudicial que manda á nai das rapazas volver a Alcorcón ou ben trasladarlle ao pai a custodia.

O sorprendente é que o auto fala literalmente do prexuízo que sufrirían as pequenas ao seren escolarizadas en galego: "as menores estiveron escolarizadas dende hai moitos anos en Alcorcón para verse agora escolarizadas en centros públicos de Vigo, con inmersión nun sistema escolar en lingua galega (...) que máis alá do ámbito de aquela Comunidade Autónoma, non se apreza que teña outra utilidade práctica".

A familia, indefensa
O irmán desta muller e portavoz da familia, Manuel López Rodríguez, asegura que están a ser sometidos a "un auténtico calvario" por "querer vivir en Galiza". Acompañado do deputado nacionalista, Bieito Lobeira, compareceu diante da prensa para denunciar a situación e pedir a axuda das administracións públicas galegas. Así, xa solicitou a Xunta os pertinentes informes que demostren a integración das rapazas no seu ámbito escolar, en Vigo, onde levan xa máis dun ano.

"As nenas están perfectamente adaptadas e son felices", explicou ao tempo que subliñou que "non tiveron ningún problema co galego; é mais, a pequena sacou un 8,5 nesta materia e mesmo xa comeza a falalo". Ademais, apunta a que a maior das dúas rapazas, que este ano se enfrontará á Selectividade, está exenta do galego, polo que o feito de vivir en Galiza "non afecta de xeito ningún no seu currículo".

Pola súa parte, o BNG xa presentou unha proposición non de lei no Parlamento para que se adopten medidas que eviten este "grave caso de discriminación xudicial por razón de lingua". Bieito Lobeira cualificou a situación de "racismo lingüístico" e de "xenofobia" e puxo o acento na xurisprudencia que podería sentar este auto que "discrimina ás persoas polo feito de vivir en Galiza e polo feito de ter unha lingua propia", unha cuestión que non se tería en conta "se a denunciada se fose vivir a Zaragoza, por exemplo".


4,66/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: